Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón denuncia que Galiza pecha 2021 cos mesmos problemas cos que empezou por un Feijóo sen alternativas

Santiago de Compostela, 28 de Decembro 2021. A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo balance do ano destacando que 2021 remata practicamente cos mesmos problemas cos que empezou, moitos deles mesmo agravados ante a incapacidade do Goberno de Feijóo de aportar solucións, como no caso do colapso en atención primaria, unha cuestión na que a líder do BNG foi especialmente crítica en plena sexta onda.

“Un ano máis rematamos co mesmo titular de que a atención primaria está colapsada e un ano máis Feixóo continúa cos recortes, a improvisación e a falta de planificación. Resulta rocambolesco que, coa que está caendo, aprobe uns orzamentos con 2,2 M€ menos, tendo en conta que hoxe primaria ten 47 M€ menos que en 2009”, denunciou. “Fai faltar ter o corazón de pedra para maltratar así os e as profesionais da sanidade pública e fai falta ter o corazón de pedra para seguir deteriorando a saúde dos e das galegas”, lamentou.

En materia de servizos sociais, tampouco houbo avances cara un novo modelo de residencias que garantan o dereito a unha vellez digna desde un sistema público. Nada igualmente para frear a desertización industrial e, unha vez máis, a crise de ALCOA segue nos titulares “sen que o Goberno do PP mova un dedo para a intervención pública”, ao contrario, “agora temos a ex conselleira Beatriz Mato utilizando A Mariña para facer negocio utilizando as portas xiratorias”, criticou.

Pero a fábrica de San Cibrao non é o único caso, porque na última década perdéronse 14.700 empregos no sector industrial e o Executivo foi incapaz de deter a cascada de peches, que segue imparable. 2021 conclúe coa estafa da luz en titulares, mentres o PP mantén o veto á tarifa eléctrica galega pese ao aumento da pobreza enerxética, -pasou do 6 ao 9,6%-, e ós miles de empregos en xogo polos custes enerxéticos.

No seu balance do ano, Pontón destacou a persistencia da emigración e a precariedade laboral da xente moza, nunha Galiza que perdeu 218.000 persoas entre 16 e 34 anos. “Ser mileurista converteuse nunha aspiración” para unha mocidade cuxos salarios son até un 63% máis baixos ca media e soporta unha taxa de paro do 27%, alega.

“Fronte a este drama persoal, económico e social, Feixóo só aporta o seu negacionismo da emigración xuvenil e atrévese a presumir de datos que se sustentan precisamente na emigración masiva de mozos e mozas por falta de oportunidades no País”, lamentou a líder nacionalista, ao que engade a crise demográfica dentro do balance de problemas aos que o Goberno do PP foi incapaz de dar unha resposta.

De feito, a natalidade non deixou de caer nos últimos dez anos, de tal xeito que o dato de 2020 é a cifra máis baixa de nacementos, -7.325 persoas menos-, dos últimos sesenta anos. “As políticas natalistas do PP son un fracaso: nin cheque bebe, nin caixas finesas, porque o que precisan os galegos e as galegas para ter fillos e fillas é emprego estable e servizos públicos que faciliten a conciliación”, argumentou.

Pontón incluíu no balance de problemas o empeño do PP en impoñer unha “democracia de baixa calidade” tentando amordazar ao Parlamento e co control partidario sobre os medios de comunicación públicos. “A Feixóo non lle gusta o control parlamentario e por iso quere converter a Cámara nunha casca baleira a base de mentiras, propaganda e enlodando o debate”, denunciou a portavoz nacionalista, que ratificou a súa crítica con datos.

Silenciar o Parlamento

Mentres o BNG apoiou o 60% das proposicións non de lei presentadas polo PP, os populares tombaron o 75% das presentadas polo Bloque; un rodillo que aínda é máis perceptible nos grandes debates. Así, no debate do estado da nación, o BNG presentou 50 propostas de resolución, o PP vetou as 50; no debate de orzamentos, o BNG presentou 431 emendas, o PP rexeitou as 431. E tamén agocha información, pois das 483 solicitudes de información ao amparo do artigo 9 do regulamento da Cámara, o 83% está sen contestar”. “Non son opinións, son datos”, subliñou Pontón.

“Feijóo está empeñado en poñerlle o cadeado ao Parlamento, en silencialo, en convertelo nunha casca baleira ocultando información, crispando e enlodando o debate, porque o PP nin pacta, nin dialoga, nin acorda nin facilita información clave para o necesario control parlamentario que é consubstancial á democracia”, sintetizou.

A líder do Bloque finalizou a enumeración de retos pendentes incluíndo o déficit de financiamento e a falta de concreción de investimentos con cargo aos fondos Next Generation. Pero non quixo pechar o balance do ano sen deixar de destacar, esta vez en positivo, o labor do persoal sanitario e da ciencia na loita contra a pandemia, así como o comportamento da maioría da cidadanía.

“Quero destacar o exemplar comportamento da sociedade nestes dous anos xa de pandemia; destacar o extraordinario traballo dos e das profesionais da sanidade pública, que fixeron da vacinación masiva un proceso de éxito digno de admiración; destacar o traballo dos e das investigadoras que non deron a vacina en tempo récord”, concluíu.

Exit mobile version