A política do PP en Galiza consiste basicamente en poñer a súa riqueza a disposición das grandes fortunas e corporacións. Feijóo, que será recordado por ser o mellor delegado comercial das compañías multinacionais que extraen e trasladan para fóra a riqueza e plusvalía que os galegos e galegas xeramos, permite aos concellos nos que goberna o PP unha especie de xogo de socialdemocracia cativa e tramposa co único obxectivo de atrapar os votos que logo utiliza para apoiar o espolio, neste caso da Mariña.
Cervo é o concello máis rico de Galiza… e de que nos serve?, en que se nota? As nosas infraestruturas, servizos, asistencia social, urbanismo, defensa das parroquias, iniciativas culturais, ecolóxicas, de promoción industrial… non se diferencian das de outras zonas con menos ingresos. En moitos casos, estamos peor. O abandono e desleixo é moi grande. Non obstante, o representante local do PP, o Sr. Villares, interpreta á perfección o papel que lle encomenda o seu partido: a simulación dunha falsa política social a través do repartimento de cartos públicos a comisións de festas e asociacións (en moitos casos, creadas ad hoc para recibir esas subvencións). Feijóo pode estar orgulloso de que en Cervo funcione de maneira eficaz a rede clientelar que lle encargan construír os seus amigos poderosos e adiñeirados, ese tramallo fácil de coser e que atrapa o voto que despois se utiliza en contra do pobo cervense e da Mariña.
A utilización dos cartos públicos en pequenas iniciativas sen coordinación é o método utilizado para captar votos sen ter que esforzarse en planificar un futuro máis próspero e xusto para o pobo cervense e mariñao. O resultado é un concello que, a pesar da súa riqueza, perde poboación e actividade industrial e comercial de maneira continuada. O único futuro para Cervo que nos ofrece o Sr, Villares é o que decida o gran capital ao que serve. Os plans para Cervo deséñanos as grandes empresas privadas extractivas de enerxía, forestais, sanitarias… A única iniciativa pública na que se esforza o noso alcalde é na de arrecadar votos.
Esta situación non é nova, a inacción é marca da casa do concello de Cervo desde hai moitos anos, pero agora que o futuro da Mariña vira negro é cando máis se necesita que os que representamos a vontade popular, en maioría ou minoría, creemos e esixamos solucións valentes que só poden vir da intervención pública, da utilización intelixente e produtiva dos cartos públicos para defender a riqueza industrial da Mariña. É asombrosa a hipocrisía dos que utilizan os apoios e votos acadados para botar abaixo as propostas que necesitan Cervo e A Mariña. Primeiro malvenderon Inespal e agora non apoian a intervención de Alcoa. Esa é a única política que coñecen: tramallo de votos a cambio de favores e posta a disposición da nosa riqueza en mans do gran capital. Todo adornado con declaracións falaces e un aparato de comunicación ben engraxado cos cartos de todos.
Pediríalle ao Sr. Villares que rectificase e apoiase as iniciativas que realmente necesitan Cervo e A Mariña, pero iso significaría a súa saída do PP (ao que só lle importa Madrid), hipótese imposible: estase moi cómodo aí, non hai que esforzarse, só falar mal de vez en cando do BNG.
Diego Fernández Martínez
Portavoz Municipal do BNG en Cervo