Lugo, 18 de decembro de 2021. Os socialistas ratifican a data do 20 de febreiro para celebración do 4º Congreso Provincial ordinario. O comité provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo reunido hoxe, aprobou a celebración do congreso para a data proposta pola executiva provincial do 20 de febreiro. Os membros da asemblea deron o seu visto bo mediante a fórmula de asentimento.
A Secretaria Provincial, Patricia Otero, explicou que “propuxemos a data 20 de febreiro co fin de cumprir con tódolos requisitos que marcan os estatutos, e tamén para facilitar a participación de toda a militancia nun proceso tan ilusionante”, avanzou.
Otero agradeceu na súa intervención, diante dos militantes, o traballo e o compromiso de tódolos socialistas lucenses coa provincia, especialmente dos Alcaldes e Alcaldesas e voceiros na oposición, así como o traballo que se realizou dende a Deputación. “Gracias a tódalas compañeiras e compañeiros que co seu traballo e seu esforzo camiñaron comigo ata aquí, neste percorrido difícil pola situación que nos tocou vivir, pero ao mesmo tempo moi gratificante ao poder comprobar que temos un grupo de alcaldes e alcaldesas comprometidos coa veciñanza, e que sen apoio da Xunta estiveron a altura das circunstancias. E onde quero lembrar que as nosas voceiras e voceiros na oposición impulsaron iniciativas e propostas politicas responsables, e en positivo, para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”.
Remarcou que “o partido socialista esta na rúa, esta ao carón da xente, coas asociacións de veciños, cos traballadores e traballadoras, cos empresarios, cos autónomos, cos gandeiros e cos traballadores do mar. Nesta provincia gobernamos en 31 concellos, e participan na política municipal un total de 272 concelleiros socialistas. 107 mulleres e 165 homes ao servicio da cidadanía, comprometidos coa realidade social, un verdadeiro orgullo”.
A secretaria provincial lembrou que o PSOE conta con “142 anos de historia, é o único instrumento político ao servicio da sociedade capaz de mudar as políticas de recortes, paralizacións e abandono do Goberno de Feijóo con esta provincia. Que ninguén se equivoque en apuntar cos dardos. Esta provincia precisa máis ca nunca dun partido progresista, traballador, coordinado, conciliador, aberto, plural e que estea pegado aos problemas do cidadáns” .
A dirixente socialista dixo “a partir de hoxe abrimos un proceso que renovará os cargos orgánicos da provincia, e todos e todas temos que estar a altura das circunstancias. O vindeiro 20 de febreiro o PSdeG realizará novamente un exercicio de democracia interna, transparente, aberta e plural, como xa acaba de acontecer no congreso coa elección de Valentín González Formoso como novo secretario xeral do PSdeG”.
“Agora chegamos ao 4º Congreso Provincial no que entre todos, debemos garantir que sexa un mandato estable, para que o Partido Socialista afronte durante os vindeiros anos retos electorais claves, así como a recuperación da posición política do PsdeG en Galicia liderada pola nova dirección nacional. E Lugo só poderá facelo estando todos unidos, esa vai ser a nova responsabilidade”, avanzou Otero.
Por último dixo que “co vindeiro congreso pechase unha etapa na que o noso obxectivo principal foi estabilizar o partido en Lugo, e dende esta realidade a nova dirección que saia elixida neste 4º Congreso, deberá impulsar o partido para gañar as vindeiras eleccións. Ese será o noso novo empeño”.
Calendario
Nesta xornada tamén se aprobaron as bases da organización que rexen esta convocatoria congresual. Segundo acordaron o prazo de presentación de precandidaturas á Secretaría Xeral provincial de Lugo será entre o 22 ao 27 de decembro. A recollida dos avais estará habilitada entre o 28 de decembro e o 9 de xaneiro e a campaña de información á militancia será entre o 15 e o 29 de xaneiro. Finalmente o 30 de xaneiro celebrarase a primeira volta da xornada de votación e o 6 e febreiro será a segunda volta.