Ribadeo, 14 de decembro de 2021. Os orzamentos para 2022 do Concello de Ribadeo rozarán os 10 millóns de euros, sen que se incrementen os impostos e as taxas de competencia municipal. O equipo de goberno levaraos ao vindeiro pleno extraordinario, que foi convocado para este xoves, 16 de decembro. As contas nacen cunha previsión inicial de inversión de máis de 1.200.000 euros, segundo deu a coñecer nesta xornada o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso.
O edil ribadense contou que “onte celebrouse unha comisión informativa cos representantes de tódolos grupos municipais, aos que informamos de que pretendemos levar ao próximo pleno, o do xoves desta semana, os orzamentos para o exercicio 2022 para a súa aprobación. Son uns orzamentos que ascenden a 9.872.370 euros, é dicir que rozan xa os 10 millóns de euros e sen que se incrementen os impostos e as taxas que son competencia do Concello”.
Pablo Vizoso dixo que “estes orzamentos caracterízanse por manter o nivel elevado de actuacións e servizos en diferentes áreas que ven realizando xa habitualmente o Concello de Ribadeo, recóllese tamén o incremento salarial do 2 por cento establecido polo Estado para o persoal público. Increméntase o capítulo de servizos e de financiamento de actividades nas áreas sociais, culturais ou deportivas para dar resposta á previsión de maior actividade trala agardada volta á normalidade. Mantéñense as axudas para o tecido asociativo, coma nos exercicios anteriores, destinadas a asociacións deportivas, culturais, asistenciais,…”.
O concelleiro de Economía subliñou que “os orzamentos nacen cunha previsión inicial de inversión de máis de 1.200.000 euros, financiado na gran maioría con fondos propios municipais e noutra parte pola Deputación de Lugo. Consígnanse partidas para actuacións moi importantes para Ribadeo como as dos barrios da Faxarda, A Pega ou Río Amalló, a rúa Rodríguez Murias en Rinlo ou diversas inversións tamén noutras rúas. Contémplanse recursos para a adquisición de terreos para o plan de camiños de titularidade municipal, saneamentos, reposición de tramos da rede de abastecemento de auga, melloras e reparación en instalacións deportivas e en locais sociais de diferentes parroquias, na praza de abastos e para melloras de eficiencia enerxética en alumeados públicos ou tamén o espazo polivalente para actividades formativas e de emprendemento. A estas inversións hai que sumar as que recentemente foron ou están a piques de licitarse e que serán executadas ou iniciadas nos primeiros meses do 2022; refírome á senda ciclable dende a área dos Bloques ata as inmediacións da Illa Pancha ou o espazo multideporte de Pintor Fierros. Esta aposta polo investimento promovida dende o Concello de Ribadeo é unha boa proba do proceso de reactivación económica en diferentes áreas á que poderán optar as empresas interesadas. No ámbito social mantéñense os fondos para familias con necesidades, para atender o servizo de axuda no fogar e a axuda específica para a xestión do Hospital Asilo, entre moitas outras”.
Vizoso Galdo engadiu: “e conséguese financiar todas estas partidas, actividades e servizos mantendo a débeda do Concello nun niveis realmente baixos, reflexo dunha xestión eficiente e de equilibrio orzamentario. Soamente como dato: as estimacións que manexamos son que ao remate do exercicio actual a débeda do Concello se sitúe en torno ao 12 por cento, unha porcentaxe ou unha ratio que nada ten que ver coa débeda que se viña arrastrando noutras etapas. Por suposto todas estas partidas veranse incrementadas ao longo do vindeiro exercicio coas achegas do plan único provincial da Deputación de Lugo e coas que poidan prever tanto a Xunta como o Goberno do Estado, cando sexan firmes e confirmadas, asinando os convenios ou acordos que procedan co Concello de Ribadeo”.