Foz, 22 de decembro, 2021. Unha nena necesitou a axuda dos Bombeiros de Barreiros ao quedarlle un dedo dunha man atrapado nun banco metálico no apeadeiro do tren de Marzán, en Foz.
Así, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Barreiros acudiron ata esta estación e liberaron o dedo da menor. Posteriormente, foi valorada polos servizos sanitarios desprazados e descartouse o seu traslado a un centro médico.
O 112 Galicia tivo coñecemento da situación da nena uns minutos antes das dúas e, axiña, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo, a Protección Civil de Foz e á Policía Local.