Site icon Crónica3.com A Mariña

O secretario de Política Industrial e Transición Enerxética do PSdeG-PSOE, Ángel Mato, valora o acordo en Alcoa e esíxelle á Xunta que lle dea prioridade á implantación de proxectos de renovables co fin de reducir os custes da enerxía

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021. O secretario de Política Industrial e Transición Enerxética do PSdeG-PSOE, Ángel Mato, valorou hoxe o respaldo dos empregados de Alcoa á proposta da compañía para o mantemento dos postos de traballo ata o 2026 e a realización de investimentos na planta de San Cibrao para garantir a súa continuidade.

Mato destacou o apoio do 70 % do cadro de persoal e asegurou que o PSdeG “está a disposición dos traballadores” no tocante a acadar unha solución ao problema enerxético antes do 2024. “Esa solución pasa por que a Xunta e o Estado faciliten a implantación de proxectos que rebaixen os custes da enerxía”, dixo.

Para conseguilo, “dende o PSdeG esixímoslle á Xunta de Galicia que lle dea prioridade á implantación de renovables e tecnoloxías de almacenamento de enerxía no entorno de Alcoa”, demandou para, a continuación, avanzar que, “para facer que isto sexa unha realidade, a Administración autonómica contará con toda a colaboración dos socialistas galegos”.

Ángel Mato insistiu en que o mellor modo de dispoñer de custes enerxéticos “asumibles” que garantan o futuro industrial é promover a implantación de tecnoloxías renovables, que son as que fan descender a factura. Nese senso, o PSdeG considera moi prexudicial a oposición inxustificada de grupos políticos ou sindical, do mesmo modo que o conformismo da Xunta. “Os parques eólicos son compatibles co respecto ao medio ambiente e a riqueza que xeran debe repercutir no territorio”, afirmou.

Por outra banda, o secretario de Política Industrial instou á Consellería de Traballo a comprometerse co emprego nas compañías auxiliares, co fin de evitar que o seu persoal non sufra aínda con maior intensidade as consecuencias da parada das cubas durante dous anos.

Exit mobile version