Balseiro lembrou que “Renfe está obrigada a tratar de coordinar conexións que permitan que os cidadáns de toda Galicia poidan enlazar cos horarios de tren do AVE de Ourense a Madrid, pero tamén ter en conta os tráficos internos e ofrecer un servizo de tren competitivo e con horarios capaces de satisfacer a demanda da maior parte dos usuarios”.
PERDA DE HORARIOS E FRECUENCIAS
“Primeiro, coa escusa da pandemia e, agora, coa adecuación dos horarios ao futuro AVE, hai centos e centos de veciños de Galicia que perderon horarios e frecuencias que antes si existían e agora non poden viaxar entre as cidades, entre Ourense e Santiago e entre Vigo e A Coruña”, manifestou o deputado popular, quen incidiu que “non medio rural servizo é totalmente deficiente, como é o caso do ferrocarril de vía estreita nas comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrol; ou a supresión de paradas en Vilagarcía”.
Respecto da proposta do BNG de crear un ente ferroviario galego, José Manuel Balseiro manifestou que “suporía asumir unha rede ferroviaria desastrosa e un conxunto de servizos incompleto”, polo que criticou que “pretenda que Galicia arranxe o problema estatal e que, ademais, o faga con cartos de todos os galegos”.
“Para nós, o camiño é outro: é obriga do Goberno de España solucionar os problemas da rede ferroviaria galega, repoñer os servizos e reforzalos de forma acorde coas necesidades dos galegos”, puntualizou Balseiro, ao tempo que lamentou que o BNG “insista sempre no mesmo e sen ter presente aspectos fundamentais como que a rede ferroviaria é do Estado e de competencia estatal”.