“O medio mariño é o máis exposto a danos medioambientais irreversibles”, alertou a voceira socialista, por iso, subliñou, “son necesarias medidas, como está a reclamar o sector, para garantir o bo estado das augas e así protexer os recursos pesqueiros e o ecosistema”, de xeito que se minimicen as “afeccións” das diferentes actividades humanas sobre caladoiros e zonas de pesca, con especial atención ás pesqueiras tradicionais.
Así, o “necesario” reforzo e ampliación da rede de reservas mariñas pode actuar, subliñou Otero, como “motor de conservación e rexeneración do recurso pesqueiro e apoio á pesca artesanal, ao tempo que se acadaría o rendemento máximo sostible sobre as poboacións de especies comerciais”.
“Feijóo e a conselleira Rosa Quitana nada fixeron para ampliar as reservas mariñas de interese pesqueiro para Galicia” en 12 anos de goberno, censurou Otero.
Ao fío disto, a voceira socialista pediu ao goberno galego que realice esta cuestión “en consenso e diálogo” co sector do mar, e “pensando na protección das reservas a medio e longo prazo”, xa que serviría “para mellorar o stock de determinadas especies”.
Con todo, Otero sinalou que “agora chegan menos substratos ao mar, pero máis fertilizantes”, polo que “o maior problema do noso litoral é a eutrofización como principal ameaza para o ecosistema na zona costeira, non sendo a pesca a culpable da situación na que se atopan os recursos”.
Por último, a responsable socailista lembrou que a principios deste ano se celebrou unha reunión das dez comunidades e cidades autónomas con competencia na xestión da Rede Natura 2000 Mariña na que o goberno de España “reafirmou o seu compromiso de acadar o 30% das áreas mariñas protexidas para 2030” dentro do proxecto Life Intermares.
“É imprescindible para iso a coordinación interadministrativa e a implicación nas actuacións conxuntas de conservación mariña”, concluíu.