O presidente da xunta local do PP, Óscar Rodríguez (portavoz popular no Concello), visitou con directivos da organización que preside, residentes en Celeiro, algúns puntos da trama urbana. Os populares din que “dende hai meses os veciños e comerciantes da fachada marítima de Celeiro veñen queixándose do mal estado e da falta de ordenación urbanística da mesma”. Engaden: ”Sabemos que parte do espazo é municipal e parte de concesión portuaria, pero cremos que existen posibilidades de acometer esta ordenación e que as beirarrúas queden en condicións óptimas e as prazas de aparcadoiro debidamente ordenadas”.
Os populares esperan que, por unha vez, o goberno municipal decida saír da súa zona de confort, apoie a moción e se poña a traballar para sacar adiante as obras que propoñen, e mellorar desta maneira a calidade de vida dos veciños, a imaxe da cidade e crear as condicións para atraer máis visitantes.