O voceiro popular engade, ademais, que o PXOM recolle unha rúa que vai dende a autovía á propia estación de tren. Polo tanto, conta cunha boa conexión coa autovía que permitirá ás ambulancias, unha vez incorporado o 061 no mesmo espazo que o novo centro de saúde, chegar rapidamente ao Hospital da Mariña”.
Vega explica tamén que se trata “dunha proposta para rehabilitar e conservar o noso patrimonio. A edificación da antiga estación de tren pode ser parte do novo centro de saúde de forma que se conserve e se dirixa a un fin moi concreto. Un edificio de todos destinado a algo que nos interesa a todos, a sanidade pública”, remarca.
“O Grupo Municipal Popular pediu no pleno da corporación, a través dunha moción, que o goberno local do BNG cedese á Xunta os terreos necesarios para a construción deste novo centro de saúde; pero votou que non. Opúxose sen ofrecer unha resposta moi sensata, ao noso parecer”, engadiu.
“Unha proposta en beneficio de Ribadeo que debemos defender todos”
Daniel Vega explica que “queremos un novo centro de saúde; os veciños, tamén queren un novo centro de saúde e os profesionais, cos que me reunín fai uns días, tamén respondían que si á miña pregunta sobre o novo centro de saúde”.
O popular engade tamén que esta é unha “proposta moi sensata” e, polo tanto, agarda o si da Xunta. “O que si precisamos é un acordo por parte da corporación municipal e, polo tanto, creo que o BNG e o PSOE deben respaldar esta iniciativa porque se trata dunha proposta en beneficio de Ribadeo. Non debe haber cores políticas porque estamos a falar da sanidade pública e dun novo centro de saúde para incrementar os servizos sanitarios. É algo de todos que creo que debemos defender todos”, conclúe.