Viveiro, 10 de decembro de 2021. Un ano máis, o goberno de Viveiro volve incorrer en mala praxe orzamentaria e todo indica que non terá aprobadas as súas grandes contas para o próximo exercicio antes de que remate o ano. Unha e outra vez ocorre o mesmo, como sinala o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que, como cada ano, pon de relevo as malas consecuencias que esta demora ten para os intereses dos veciños. Os populares instan á alcaldesa, María Loureiro, a saír dunha vez da súa zona de confort e a poñerse a traballar para aprobar canto antes o orzamento para o próximo ano. Para ese traballo, o PP ofrece a súa colaboración leal, pero tamén, esixente, xa que, en palabras de Óscar Rodríguez, “as contas do 2022 non poden ser continuístas, porque teñen que ser as contas da recuperación económica”.
Os concelleiros populares tiñan a esperanza, sen máis fundamento que o desexo de que non se crearan problemas aos veciños, de que nesta ocasión o goberno presidido por María Loureiro sometería a aprobación o proxecto de orzamento para o 2022 antes de fin de ano. Non podían crer, di Rodríguez, que para un ano tan importante como será o que vén, o goberno municipal non cambiara o paso e, nun xesto de responsabilidade, intentara aprobar o orzamento antes de fin de ano. Pero todo indica que non vai ser así e outra vez e que, a pesar da conxuntura, Viveiro empezará o ano sen ter aprobadas e en vigor as súas grandes contas.
Óscar Rodríguez sinala: “O grupo popular ofrécese a colaborar para deseñar o orzamento que precisa Viveiro, para poñer a eficacia que lle falta ao goberno municipal para sacar adiante unhas contas que se adapten ao ano da recuperación que será o 2022”.
O portavoz popular tamén di: “Facemos este ofrecemento con ánimo de sumar, de aportar para resolver os problemas do municipio. E facémolo sabendo que nunca se nos deu a oportunidade de participar e sendo conscientes de que cando o PSOE fala de participación só vende fume. Pero facémolo con sinceridade e con rigor”.
En canto ao orzamento en si, os populares din que nesta ocasión ten que romper co continuísmo, “con esa especie de corta e pega que vén sendo o de cada ano con respecto ao anterior; esta vez ten que ser un orzamento para a recuperación”. Rodríguez asegura que é preciso ser orzamentariamente imaxinativos e, ademais, canalizar nas grandes contas as decisión tomadas no pleno ao fío das mocións aprobadas.