Os populares lembran que “tanto os universitarios lucenses coma as persoas maiores ou aquelas con diversidade funcional ou pertencentes a outros colectivos precisan o tren para poder desprazarse a outros puntos de Galicia e España” e, polo tanto, defenden que “Renfe, como operadora pública, non pode someter aos usuarios a prexuízos derivados de criterios economicistas. Non se pode poñer a suposta falta de demanda como escusa para desmantelar cada vez máis servizos e facer non desexables os que aínda permanecen en activo con horarios imposibles, traxectos longuísimos e falta de conexións adecuadas con outras cidades”.
En relación á alta velocidade, os populares instarán ao Goberno a través dunha moción a aumentar as frecuencias dos servizos ferroviarios entre Lugo e Ourense para que a provincia lucense non quede descolgada. “Das catro conexións planificadas inicialmente por Renfe entre Lugo e Madrid, tres serán en Alvia cunha duración aproximada de cinco horas e só un deles contempla traxecto directo entre Lugo e Madrid. Os outras dúas máis o AVE implican viaxes en trens de Media Distancia ou Intercity e, polo tanto, un transbordo en Ourense”.
A proposta do PP recolle tamén implantar, cando menos, un servizo de Media Distancia entre Lugo e Ourense a primeira hora da mañá para que os lucenses poidan chegar a Madrid antes do mediodía. “Cos horarios establecidos será imposible realizar xestións de mañá na capital e volver a Lugo no día”, advirten. “A única viaxe para a que os lucenses si poderán coller o AVE dende Ourense chegará a Madrid ás 18:40 horas, o que impide poder realizar actividades profesionais ou de calquera outra índole no día que supón practicamente un día enteiro destinado á viaxe e a obriga de pasala noite na capital”.
Os senadores esixen planificar adecuadamente as conexións dende o resto de cidades e pobos da provincia lucense para que os veciños do rural non queden marxinados da alta velocidade ferroviaria. E, por suposto, inciden na necesidade de “construír as variantes da liña de tren entre Lugo e Ourense de Os Peares-Canabal e Rubián para diminuír o tempo do traxecto en tren entre Lugo e Madrid”; así coma “executar á maior brevidade a electrificación e a mellora da vía entre Lugo e Monforte de Lemos para recortar os tempos do traxecto en tren entre Lugo e Madrid”.
Falta de trens para conectar Lugo con outras cidades
A través doutra iniciativa, os representantes do PP lucense na Cámara Alta advirten da falta de tren directo dende Lugo ata Vigo e Pontevedra, polo que pedirán establecer un servizo a cada sentido de modo que “o traxecto entre as dúas cidades pontevedresas non teña que discorrer pola Coruña e investir case catro horas de viaxe”. Tamén inclúe o establecemento de, cando menos, unha conexión directa vía férrea entre Lugo e Santiago e outra entre Lugo e Ferrol; ademais de mellorar o horario do traxecto que xa existe para que a chegada á capital lucense non se produza pasadas as nove da noite.
A proposta dos populares recolle a recuperación de servizos “desmantelados polo Goberno coa escusa da pandemia”. É o caso do tren-hotel a Barcelona ou do servizo entre o País Vasco e Lugo. “É necesario, ademais, mellorar a conexión entre Lugo e Bilbao e Llodio para que non haxa que investir máis de dez horas nin realizar enlace en Segovia”. Tamén piden no Senado a recuperación do tren e a redución do tempo de traxecto a Salamanca, vital para moitos estudantes universitarios.
Os senadores exporán tamén na Comisión de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana unha reivindicación constante do PP lucense para mellorar as vías e a electrificación para os trens que circulan entre Lugo e Ourense de forma que “poidan alcanzar polo menos os 200 km/hora e que non se vexan obrigados a circular a menos de 50 km/hora nalgúns tramos”. Consideran tamén imprescindible “aumentar a frecuencia de liñas ferroviarias entre Lugo e Ourense e á inversa, para que haxa polo menos seis trens que recorran diariamente cada traxecto. E, por suposto, aumentar os servizos diarios entre Lugo e Monforte de Lemos, modificar os horarios para que non coincidan cos que conectan con Ourense e para facilitar as conexións con León e con outras cidades do norte do país”.
Perda da conexión directa con Santiago
Os representantes do PP da provincia no Senado tamén pedirán explicacións ao Goberno sobre a eliminación do único servizo ferroviario que a conectaba con Santiago de Compostela de forma directa, converténdose na única capital galega que non conta con conexión directa vía ferroviaria coa capital de Galicia.
Así mesmo, dirixiranse ao Goberno de Pedro Sánchez para saber por que continúa discriminando á cidade e á provincia desmantelamento cada vez máis servizos ferroviarios tendo en conta que a poboación rural e envellecida se está vendo prexudicada pola perda de liñas.