Rodríguez di: “É verdadeiramente inaudito. Os trámites para redactar o PXOM comezaron en 2001. E así seguimos, sen plan urbanístico. María Loureiro colleu o bastón de mando, pero con respecto ao PXOM non fixo nada práctico para sacalo para adiante”.
O portavoz popular tamén sinala: “É tan disparatado todo o que ten que ver coa xestión do novo PXOM, que o que antes non lles valía, agora válelles, pero todo sigue parado. Antes non lles valía ningunha das opcións para a circunvalación, a vía de alta capacidade, e agora si. Tiveron que pasar anos e anos para chegar a onde estabamos, para non mover nada”.
Os populares tamén destacan que da subvención de 300.000 euros con cargo á que se debía redactar o PXOM, xa se gastaron arredor de 200.000 e aínda queda, no mellor dos casos, moita tramitación por diante”. Rodríguez di: “Esta parálise ten que acabarse, non podemos permitir que pase outro ano máis sen que a tramitación do planeamento urbanístico avance cara a súa aprobación; Viveiro non ten por que soportar máis tempo as consecuencias da falta de xestión do goberno municipal, en xeral, e en concreto, da alcaldesa, María Loureiro”. Nesta liña, Rodríguez destaca que dende 2018, o Concello non fixo nin un só tramite con Augas de Galicia e coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.