Burela, 3 de decembro de 2021. A esquerda, en canta ocasión ten, trata de incrementar a carga impositiva, con claro prexuízo para a economía dos contribuíntes. Na máis recente sesión plenaria, o goberno de Burela intentou unha suba de tributos verdadeiramente disparatada; a rotunda oposición do PP conseguiu evitar este novo despropósito do goberno presidido polo alcalde Llano.
O portavoz popular, Manuel Rouco, explica: “No pleno deste xoves os veciños e veciñas e os hostaleiros de Burela puideron ver ben ás claras posturas diametralmente opostas do grupo municipal popular de Burela e do goberno local”. Os membros do grupo municipal do PP intentaron aliviar a carga impositiva mediante unha ambiciosa rebaixa fiscal , que pivotaba en doce puntos clave, para a reactivación da economía de Burela. Incluía alivios na carga impositiva, como no IBI de urbana, no que se pretendía unha rebaixa dun 10% ou na rebaixa da recollida do lixo, para o que se solicitaba a rebaixa do 19%, que posibilita na actualidade Sogama. Pola contra, o grupo de goberno pretendía sacar para adiante unha nova ordenanza fiscal, que trataba de incrementar as taxas nalgúns casos preto do 700%.
Rouco di tamén: “Dous exemplos disto que dicimos son os incrementos que recollía a nova ordenanza do señor Llano para as terrazas que ían dende un 50% para ás das vías clasificadas como de tipo dous, ata case un 85% para as vías de tipo un; a relativa a andamios rozaba o 11%. A oposición frontal dende o primeiro momento a esta suba que pretendía facer o alcalde da carga fiscal que soportamos no noso municipio posibilitou que o taxazo que pretendía o señor Llano non saíra para adiante”.
Os populares lamentan que fora rexeitada a súa moción que recollía unha batería de medidas para a reactivación da economía do concello. Indican que a súa proposta non foi aprobada “debido á oposición do PSOE do señor Llano e tamén debido á posición do BNG, do señor Pillado, que non viron con moi bos ollos a rebaixa fiscal proposta polo PP”.
No PP destacan, noutro orde de cosas, “que tanto PSOE como BNG non quixeron que un dos emblemas máis significativos da nosa vila, simbolizado nos moldes empregados para a construción do faro, fora integrado total ou parcialmente no proxecto de acondicionamento da rotonda da entrada de Burela vindo de Foz”.
Rouco sinala: “Llano, un alcalde máis preocupado, en ocasións, por atender ao seu móbil que no descorrer da sesión plenaria, foi incapaz de poñer orde nas continuas interrupcións propiciadas polos concelleiros de BNG e polo seu tenente de alcalde, Ramiro Fernández; todas elas casualmente cando tiña que intervir algún membro do grupo municipal popular. Estas son as irrespectuosas formas e a falta de decoro que teñen parte dos representantes políticos do noso municipio. Esperemos que a veciñanza de Burela vaia tomando boa nota de todo isto”.