Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP avisa ao goberno provincial de que non apoia a devaluación que pretende facer do Plan Único para o 2022, ao conxelalo pese a disparatada suba dos prezos da enerxía

Lugo, 28 de decembro de 2021. O bigoberno provincial non demostra cariño ao Plan Único, un logro conseguido por iniciativa do PP. Tan pouco cariño lle ten que, para o 2022, o ano da recuperación, conxela o importe do Plan, que, dado o incremento dos prezos da enerxía e dos materiais de construción, supón unha rebaixa, e moi considerable, da aportación real aos concellos. Así o indica o portavoz popular, Javier Castiñeira, que sinala: “O Partido Popular de Lugo foi partícipe e creador do Plan Único e non vai ser cómplice da súa devaluación, unha devaluación que PSOE e BNG pretenden para o 2022, conxelándoo, en 21,5 millóns de euros, moi similar ao ano 2021, pero cunha diferencia moi grande, que é que a día de hoxe estamos cunha inflación moi grande e moi especialmente no capítulo de investimentos, porque os prezos subiron máis dun 25%”.

Castiñeira explica que “a enerxía subiu, case un 30% a luz e un 25% o gasóleo, e os produtos da construción tamén un 20%”. Engade que “polo tanto, os concellos con este Plan Único van poder facer un 25% menos de obra; non estamos de acordo, especialmente nun momento de recuperación”. O portavoz popular di que “cando os concellos necesitan máis apoio da Deputación de Lugo, esta institución o que fai é devaluar esas axudas e os concellos acaban perdendo poder adquisitivo”.

Os populares avisan de que non serán “cómplices desa situación e non van apoiar este Plan Único que entendemos que é insuficiente para a recuperación e que non axuda aos concellos a pasar este momento tan complexo cunha suba de prezos que está impedindo investimento e melloras nos nosos municipios; non é o Plan Único que necesitamos para o 2022”.

Exit mobile version