O portavoz popular, Óscar Rodríguez, explica que o seu grupo presentou, como xa anunciou no seu momento, un rogo para que o Concello repare o pavimento da rúa Granxas. O goberno local, sinaladamente a alcaldesa, anunciou que non se levará a cabo dita obra, polo menos a curto prazo. Rodríguez di: “O máis curioso, por non dicir o máis disparatado do argumento da alcaldesa, foi que, segundo dixo, esa rúa está así dende que gobernaba o PP; é dicir, recoñece que o Concello non fixo nada por mellorar esa céntrica rúa dende hai case 20 anos”. Esta vía ten un pavimento moi deteriorado, de tal maneira que cando chove se forman bolsas de auga que, ao paso dos coches, salpican aos peóns. Algunha das fochancas máis grandes foi cuberta recentemente, pero de maneira tan chapuceira que ocasiona más problemas que a propia fochanca. Rodríguez di: “É inaudito que traten de responsabilizar ao PP do estado dunha rúa, cando o PSOE leva gobernando en Viveiro dende o ano 2003, hai case vinte anos. A falta de vontade política e de capacidade de xestión do goberno presidido por María Loureiro quedou de novo patente coa súa postura neste asunto”.
De interese para o conxunto dos veciños de Viveiro sería que o Concello se adherise ao distintivo Concello Emprendedor. Pois tampouco prosperou esta iniciativa do PP, porque a alcaldesa, parece que por emulación do seu admirado alcalde de Vigo, decidiu que non era procedente que o Concello participara nesa iniciativa. Concellos emprendedores son os que optan pola captación de investimentos, nas axudas destinadas ao fomento do emprego, da industria, ao comercio e ao emprendemento. Para iso, como explicou a concelleira popular Teresa Pérez Rodríguez, teñen que implantar medidas que os fagan atractivos para a consolidación de empresas como: incentivos fiscais, facilidade para acceder ao chan empresarial e unha tramitación administrativa máis sinxela.