A moción inclúe un total de cinco puntos nos que se insta ao Ministerio a habilitar mecanismos para conseguir que todos os gandeiros cobren polo seu produto, polo menos, os seus custos de produción; tamén pretende impulsar, a través da cooperación entre administracións unha campaña de concienciación dirixida ao consumidor e reforzar a promoción dos produtos lácteos galegos, reforzando aspectos como a seguridade alimentaria, o benestar animal nas explotacións e a diversificación na súa produción.
Outra das demandas pasa por proporcionarlles prioridade na licitación de polígonos agrogandeiros de carácter público e axilizar os trámites para constituír o “Observatorio Lácteo Galego” como instrumento para acadar unha mellor estrutura entre os diferentes axentes do tecido produtivo.
En declaracións da delegada de Medio Ambiente, Mali Méndez: “temos que protexer aos nosos gandeiros e gandeiras, posto que é un dos sectores máis importantes dentro da nosa comunidade, e por suposto, tamén da comarca da Mariña. Desde as administracións públicas deberiamos establecer uns mecanismos que garantan un prezo mínimo, que polo menos cubra os custos de produción”.
“O sector gandeiro precisa dun apoio estrutural que lles permita gozar de ferramentas para fomentar a comunicación e a cooperación entre os diferentes elos da cadea de produción, ademais de establecer relacións coas diferentes administracións públicas” engadiu a concelleira.