Viveiro, 10 de decembro de 2021. O Teatro Pastor Díaz de Viveiro recibiu hoxe a un grupo de nenos e nenas en idade escolar para gozar da obra de teatro “O axudante de Papá Noel”, de MOCMOC Espectáculos.
Esta cita marca o retorno da programación non municipal ao Teatro Pastor Díaz tras a pandemia, en consonancia co compromiso do goberno local con facilitar espazos á cidadanía. Cumpríronse todos os protocolos Covid-19.
Esta representación teatral estivo organizada polas ANPAS do CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo e o CEP Luís Tobío, en colaboración co Concello de Viveiro. Concretamente, o goberno local puxo a disposición desta actividade o teatro Pastor Díaz, así como un autocar para desprazar aos nenos e nenas dende os centros educativos.
O Teatro Pastor Díaz recupera así a celebración de actividades máis alá das organizadas polo propio Concello de Viveiro. A volta á normalidade tras a pandemia, permite que o goberno local poida ceder de novo este espazo para que se realicen actividades noutros momentos. Nos últimos meses, por mor do contexto sanitario, o teatro recibira unicamente actividades programadas polo Concello de Viveiro.
“Este teatro é unha das xoias do noso municipio, polo que dende o equipo de goberno a nosa filosofía é poñelo a disposición da cidadanía, ao igual que o resto de instalacións municipais”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Ademais, dende o goberno local recordan a importancia deste espazo como impulsor da cultura. “Damos a opción aos centros educativos de trasladar as súas actividades culturais a este espazo, contribuíndo á educación dos máis pequenos e pequenas”, engade a alcaldesa.