Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento Galego aproba os orzamentos para o 2022, os máis altos da súa historia

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asiste á toma de posesión de Miguel Corgos como conselleiro de Facenda e Administración Pública. Pazo de Raxoi (Santiago de Compostela), 18/10/21.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021. As contas públicas de Galicia para o ano 2022 recibiron hoxe o visto e prace no Pleno do Parlamento galego. Estes orzamentos son os máis altos da historia da comunidade e ascenden a 11.627 millóns de euros para pasar da reactivación á recuperación económica e reforzar o crecemento san.

En materia de política fiscal, os presupostos do vindeiro ano inclúen novas rebaixas de impostos no IRPF, no Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) e no Imposto de Patrimonio que se suman a todas as aprobadas nos últimos anos.

A Xunta leva aprobadas tres rebaixas na tarifa autonómica do IRPF en oito anos -2014, 2016 e 2022- co que as rendas máis baixas pagarán no ano 2022 un 22% menos de IRPF que no 2009. Ademais, case a metade dos contribuíntes galegos deixarán de pagar un de cada cinco euros por este imposto respecto do que aboaban no ano 2009.

A política de rebaixa de impostos esténdese a todos sobre os que a Xunta ten competencia na comunidade autónoma. Así, o ITP rebáixase un 10%, co que o tipo xeral pasa do 10 ao 9% para reducir a tributación ás familias que adquiren unha vivenda usada, favorecendo a dinamización do mercado inmobiliario e reactivando a rehabilitación. En canto ao imposto de Patrimonio mantense o mínimo exento e bonifícase un 25% a cota.

Ademais mantéñense todas as rebaixas xa aprobadas no Imposto de Sucesións que sitúan a Galicia entre as comunidades autónomas con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos e para os irmáns. Neste momento xa están exentas de tributación o 99,9% das herdanzas por vías directa. Tamén se mantén o Programa de ‘Impostos cero no rural’ coa eliminación deste tributo para todas as compravendas de solo rústico, as transmisións totais ou parciais de explotacións agrarias e as agrupacións de fincas rústicas.

Reforzo do gasto social e dos investimentos
As contas de 2022 reforzan un ano máis o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) e o emprego. Así, estes presupostos inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 8.660 millóns de euros para a sanidade, o ensino, as políticas sociais e o emprego, cun aumento de 610 millóns con respecto a este exercicio. As tres consellerías que acaparan o gasto en servizos públicos esenciais concentran o 75% do incremento do orzamento, é dicir, tres de cada catro euros de aumento presupostario van destinados a sanidade, educación e políticas sociais.

Ademais, no vindeiro exercicio refórzanse os recursos para o investimento produtivo que tamén contribúe ao fortalecemento dos servizos públicos. Estes presupostos inclúen máis de 2.500 millóns de euros para investimentos.

En definitiva, estes son os orzamentos con máis recursos da historia, cun reforzo moi importante das partidas vinculadas aos servizos públicos esenciais e á dinamización da economía co obxectivo de trasladar unha política útil aos cidadáns que permita ser áxiles cos mecanismos de apoio ás familias, pemes e empresas; pasar da reactivación á recuperación; e traballar de maneira paralela nas necesidades do ano 2022 xunto coa planificación da vindeira década para afrontar os retos aos que se enfronta Galicia.

Exit mobile version