Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento demanda ao Goberno do Estado que dote de ferramentas como a Conta Láctea para fixar os custes de produción do sector gandeiro

Santiago, 9 de decembro de 2021. O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha moción a través da que se demanda ao Goberno do Estado que, no desenvolvemento da Lei da cadea alimentaria, se dote aos sectores produtivos dunha ferramenta pública e obxectiva que fixe uns custes de produción de referencia vinculantes e obrigatorios, como é o caso da Conta Láctea impulsada pola Xunta de Galicia. Así mesmo, pídese que a Xunta vele porque os novos contratos entre produtores e industria transformadora incorporen as subas con referencia ao IPC galego dos alimentos para o gando, combustibles, electricidade, abonos de síntese e demais factores que inciden nos custes de produción.

A viceportavoz popular, Elena Candia, reiterou a demanda ao Goberno central para que habilite os mecanismos necesarios que garantan o cumprimento da Lei de cadea alimentaria. Así, en concreto, afirmou que, “se non é na lei, non decaeremos no esforzo de que, polo mecanismo que o Goberno considere, se dea fortaleza á Conta Láctea ou a outras aplicacións oficiais que reforcen a posición negociadora dos gandeiros”.

Neste sentido, agradeceu que “BNG e PSdeG rectificaran o seu voto do pasado pleno e agora recoñezan a importancia de oficializar a Conta Láctea para recoñecer os custos de produción das explotacións”

Ademais, Elena Candia insistiu na demanda de base territorial para as explotacións “como mecanismo de redución de custos de alimentación”, para o que solicitou darlle prioridade á licitación de polígonos agrogandeiros de carácter público.

Por último, solicitou axilizar a constitución do Observatorio Lácteo Galego, como instrumento para acadar unha mellor estrutura sectorial e avanzar nas cuestións que afectan a este sector, mellorando a interlocución e a transparencia entre os diferentes elos da cadea.

Exit mobile version