Viveiro, 15 de decembro de 2021. O Concello de Viveiro informa da apertura do mercado de Nadal “A Trastenda de Nicomedes” este sábado 18 de decembro ás 11:00. O mercado ubícase no Salón Multiusos da Casa do Concello e está organizado pola Asociación Proa, en colaboración co Concello de Viveiro no marco do seu programa de Nadal.
“O noso mercado de Nadal consolídase como unha cita de referencia, na que descubrir o comercio e a artesanía de proximidade, e converténdose nun atractivo para os visitantes nestas datas”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Nesta edición participan un total de 16 artesáns e artesás. Concretamente, estarán presentes: Rappa Taller, Conloquetengo, Sol Rujas, Artesanía Nia, David Catá, Taller Viola, La Bellota Mágica, Paula dimé, Obradoiro Taxus de madeira, Licores Os Maios, Salsagaucha, Kiyoko Sato, Dkastro/O Sapo Chosco, Augas Santas Cervexeiros da Mariña, Miña Rula e Sopa de Nuez.
Ademais, o mercado contará este ano cun espazo solidario, dedicado á integración social no mundo laboral a cargo de Aspanane, a Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro.
A Trastenda de Nicomedes estará aberta ata o próximo 4 de xaneiro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00. Os días 24 e 31 de decembro, pechará as 20:00 horas e o 25 de decembro e 1 de xaneiro terá un horario especial, de 18:00 a 21:00 horas.