Burela, 30 de decembro, 2021. En colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e Armadores de Burela completan en fin de ano a súa acción social “Mar de Solidariedade”, na que, por cuarto ano consecutivo, doan ‘Merluza do Pincho de Burela’ entre 14 centros de maiores da Mariña Lucense.
Co reparto de hoxe complétanse 838 racións entre 14 residencias, apartamentos tutelados ou vivendas comunitarias, situadas en Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, O Valadouro, Viveiro e Xove. Ao igual que en anos anteriores, o peixe xa se está distribuíndo para gozar nas ceas de Fin de Ano ben en pezas enteiras ou xa cortadas en lombos, filetes ou toros, segundo demande cada centro.
Este “Mar de Solidariedade” do Porto de Burela consiste nunha doble acción social, unha a nivel comarcal co xa tradicional reparto de peixe entre os centros de maiores do norte de Lugo; e outra a nivel local dirixida ás familias máis necesitadas de Burela, que, a través de Mulleres en Igualdade Provincia de Lugo, xa recibiron pola Noiteboa e día de Nadal 470 racións de pescada do pincho.
En total con esta iniciativa o Porto de Burela reparte 1.308 racións de ‘Merluza de Burela’ para chegar a un total de 1.142 persoas nun auténtico “Mar de Solidariedade”.
Sergio López, xerente da OPP Lugo: “Con esta acción pretendemos achegar un ano máis a nosa principal especie, a merluza do pincho, a aquelas residencias de maiores e familias máis necesitadas, para que nestas datas de Nadal e fin de ano disfruten dun produto de primeira calidade nos seus fogares”.
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, agradeceu esta acción e salientou a contribución da Administración autonómica á promoción dos produtos do mar de extraordinaria calidade como a pescada do pincho que sae da lonxa de Burela, colaborando en accións coma esta que se desenvolve cada Nadal e noutras iniciativas como a campaña Orixe e Destino Galicia.
Esta acción enmárcase dentro do plan de produción e comercialización anual de OPP Lugo e conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.