Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular demanda ao Goberno central medidas para frear a eliminación das axudas aos combustibles do sector pesqueiro

Santiago, 30 de decembro de 2021. O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro demandou hoxe no Parlamento galego que o Goberno de España promova accións dirixidas a frear a proposta da Comisión Europea para a modificación da Directiva sobre fiscalidade da enerxía que elimina as axudas aos combustibles do sector pesqueiro, namentres non haxa unha posición aprobada no seo da Organización Mundial do Comercio ao respecto destas bonificacións.

Balseiro incidiu que tanto a Xunta como o PPdeG “estamos en contra de que se pretenda poñer fin ao gasóleo bonificado, polo que utilizaremos todos medios de presión ao noso alcance para defender os intereses da frota pesqueira galega”.

EXEMPLO DE SUSTENTABILIDADE E PESCA LEGAL

Neste sentido, salientou que “a nosa frota está considerada exemplo de sustentabilidade e de pesca legal, regulada e declarada” e manifestou que eliminación destas exencións ao gasóleo pesqueiro sería unha ruína para moitas empresas, especialmente para a frota artesanal”.

“Non entendemos o cambio de opinión da Comisión Europea, que antes concordaba coa de Galicia; nin que o Goberno central se pregue a esa posición e faga seguidismo dunha posición negativa para a frota galega; nin tampouco concordamos coa cor verde radical que amosan algunhas formacións en Europa, nin do silencio dos seus socios en Galicia: o BNG”, sinalou.

Así, explicou que “son os verdes, o grupo parlamentario no que se integra o BNG en Europa, os impulsores desta navallada á frota galega”. En concreto, criticou que a portavoz do Grupo dos Verdes na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo “está a recoller sinaturas e realiza todo tipo de presións para pedir o fin das bonificacións ao diésel ao sector da pesca”. “A radicalidade ambiental dos socios do BNG nesta cuestión está a prexudicar gravemente os intereses do sector pesqueiro galego”, indicou.

José Manuel Balseiro apuntou que “existen moitas alternativas para conseguir unhas condicións de competencia equitativa a nivel mundial, e podemos estudar fórmulas para igualar prezos para o gasóleo a nivel mundial, pero non a costa de lastrar aínda máis ao sector pesqueiro galego”.

Exit mobile version