Viveiro, 10 de decembro de 2021. O goberno municipal de Viveiro vai propoñer, por terceiro ano dende o inicio da pandemia, que se suspenda durante o ano 2022 a aplicación das ordenanzas fiscais número 13, reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público local con mesas, cadeiras e otros elementos análogos con finalidade lucrativa, e número 6, reguladora da taxa pola intervención municipal nas comunicacións previas, declaracións responsables e no outorgamento de licenzas de actividade, apertura ou funcionamento.
A suspensión da ordenanza de ocupación de vía pública para a instalación de terrazas supón unha diminución de ingresos para o concello de arredor de 40.000 euros, mentres que a suspensión da ordenanza pola intervención municipal nas comunicacións previas, declaracións responsables e no outorgamento de licenzas de actividade, apertura ou funcionamento supón unha diminución de aproxidamente uns 10.000 euros.
“Coa suspensión destas taxas o Concello de Viveiro, como administración máis próxima ao cidadán e dentro das nosas posibilidades, queremos contribuír á recuperación económica do municipio, considerando que a hostalería é un dos sectores máis afectados por esta pandemia”, explica María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Neste sentido cabe lembrar que o Concello de Viveiro, en virtude do acordo adoptado entre o equipo de goberno e o grupo municipal Por Viveiro, desenvolveu tanto para o 2020 como ao longo deste ano 2021 uns Plans de Reactivación Económica, co obxectivo de impulsar a actividade económica no termo municipal de Viveiro e paliar os efectos derivados da pandemia da Covid-19.
O 2º Plan de Reactivación Económica de 2021 incluía dúas liñas de axudas: unha destinada ao sector da hostalería, para o que o Concello de Viveiro se adheriu ao convenio subscrito coa Vipresidencia Primeira da Xunta e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería de Emprego e Igualdade.
A segunda liña ía destinada aos pequenos empresarios e autónomos de Viveiro que tivesen unha baixada de facturación de, polo menos, o 50% no exercicio 2020 respecto do exercicio 2019 pola crise sanitaria da covid-19, quedando excluídos os establecementos de hostalería e aquelas empresas que xa foran beneficiarias das axudas concedidas polo concello en 2020.