“Este ano decantámonos por un programa de pequeno formato, que nos permita manter a atención á evolución sanitaria pero sen perder a maxia e a ilusión que caracterizan estas datas”, subliña Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.
A programación de Nadal comezará o próximo martes 21 de decembro, co concerto de Petit Band do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, e estenderase ata o próximo 8 de xaneiro.
Está prevista a visita a Viveiro de Papá Noel o próximo 24 de decembro, día no que se realizarán tamén roteiros de Nadal no Vivertren e a actuación “Troula de Noite Boa”, con animación musical para a rapazada.
Ademais, Viveiro recibirá os concertos de Carmen Díaz, Joni Ramos e Sundar Morning Club, ambos o día 25 de decembro. A Banda de Música Municipal de Landro actuará o día 30 mentres que o 31 de decembro, Viveiro acollerá a troula de fin de ano “Los Alcántara”.
O día 2 de xaneiro será a quenda do concerto de Lara Rodríguez. O día 5 de xaneiro, os Reis Magos visitarán Viveiro nas súas carrozas. Neste día, tamén será posible realizar algún dos percorridos do Vivertren.
A programación rematará o 8 de xaneiro co espectáculo Xampatitopato dirixido ao público familiar no Teatro Pastor Díaz. Contacontos, espectáculos de maxia e pasarrúas completan a programación destas festas.
“Quixemos contar con grupos e artistas locais, sobre todo despois dos meses máis duros da pandemia”, engade Fernández-Noriega.
Esta programación súmase ao recentemente inaugurado Belén “Viveiro ante o Berce”, considerado un dos máis importantes de Galicia e ubicado no atrio da igrexa de Santa María.
“Agardamos que a cidadanía goce desta ampla programación, así como do noso tradicional Belén e do espléndido alumeado. De seguro, tamén atraerá numerosos visitantes para desfrutar do noso comercio e hostalaría en Nadal”, recalca María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Os espectáculos que se realicen na Praza Maior organizaranse baixo unha carpa. Como a todos os espectáculos, a entrada será de balde e as cadeiras dispoñibles ocuparanse ata completar aforo.
Por último, dende o Concello de Viveiro incídese en que esta programación pode estar supeditada a cambios en función da situación sanitaria. Ampliarase información de cara aos días 24 de decembro e 5 de xaneiro sobre os detalles das visitas de Papá Noel e os Reis Magos á vila.
O goberno local pide á cidadanía que respecte en todo momento as normas COVID-19, co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria nos espectáculos.