Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de viveiro dá pasos decisivos para ter o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal

Viveiro, 25 de decembro de 2021. O Concello de Viveiro deu esta semana pasos decisivos para a tramitación definitiva do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), unha ferramenta imprescindible e primordial para o desenvolvemento do municipio en diferentes eidos, como o urbanístico e o industrial.

O pasado mes de setembro, e co obxectivo de axilizar o proceso, celebrouse en Santiago unha reunión solicitada pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, cos responsables da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e a presenza de todos os grupos políticos municipais.

Nese encontro quedaron claras as modificacións que había que introducir no documento inicial e, desde ese momento, o equipo redactor do PXOM mantivo varios encontros cos técnicos da Xunta e traballou de forma intensa para axilizar a tramitación.

O Concello de Viveiro xa ten desde esta semana o texto definitivo, que remitirá este luns, día 27 de decembro, ás administracións competentes. Ao mesmo tempo, o concello traballa no estudo das alegacións presentadas para incorporar as que considere pertinentes.

“Estamos convencidos de que o documento é agora correcto, coas modificacións que demandou a Xunta; o Concello de Viveiro está cumprindo, axilizando os traballos e todos os requerimentos, polo que demandamos ao resto das administracións a mesma axilidade; Viveiro necesita o PXOM o antes posible”, asegura a alcaldesa María Loureiro.

Exit mobile version