O edil de Deportes dixo: “rematamos o ano, ademais da San Silvestre que nos queda, dándolles unha homenaxe aquí no Concello tanto a Andrea como a Ángela que son bronce en Descenso e Travesías de K-2 en Cadete Feminino. É un agasallo máis para este club que xa é mítico, o Altruán, que está a colaborar con todos estes nenos e estas nenas que todos os anos temos que recibilos aquí gustosamente, tanto no ámbito feminino como masculino. Queremos darlles os parabéns e que sigan este camiño, que desfruten do deporte e que desfruten do piragüismo”.
O alcalde ribadense dirixiuse ás deportistas dicíndolles: “queremos darvos os parabéns por vos, polo voso equipo e por Ribadeo. É unha honra que teñades acadado medalla de bronce nun Campionato de España en Descenso e Travesías, é unha honra para Ribadeo que levedes o seu nome polo mundo adiante e ao mesmo tempo que o fagades nun deporte dos que se chaman minoritarios, pero que afortunadamente nos últimos tempos está collendo impulso e cada vez hai máis xente moza como vosoutras que se anima. Iso tamén nos leva a pensar que temos que redobrar os esforzos no apoio dado, sabemos que estas infraestruturas que tedes en Ribadeo non son as mellores posibles senón que necesitan moita máis mellora e aí estamos comprometidos para que no ano 2022 poidamos, dunha maneira ou doutra, darlles o impulso necesario, para facer algo tan básico como para que teñades unhas duchas ou para que teñades uns elementos de comodidade. Sabemos que todos os deportes son sacrificados pero os que teñen que estar ao aire libre, na ría, no inverno, no frío e na humidade, polo menos que o sufrimento vaia acompañado dunha certa recompensa de ter unhas instalacións o mellor dotadas posible”.
Ángela Fernández González quixo “agradecer o recoñecemento que nos fixo o Concello polo noso traballo, pero tamén quería dar as grazas á miña compañeira Andrea porque os resultados non os conseguiríamos separadas, xa non só porque estamos no mesmo barco, senón que en K1 mesmamente sempre nos axudamos unha a outra e eu creo que os resultados non serían os mesmos se non estivéramos compaxinándonos as dúas”.
Andrea Rodríguez Rodríguez dixo que “o máis importante é ter a alguén que te axude porque se nota moito, pero tamén queremos dar as grazas aos adestradores porque tanto Marcos como Fefo e Ramón nesta tempada, están esforzándose moito para que nós teñamos o mellor e demos o mellor de nós”.
Pola súa banda, José Ángel Fernández, membro da directiva do Club Altruán, subliñou: “queremos manifestar o orgullo que sentimos dentro do club, o orgullo que nos fan sentir esta parella de deportistas. Son xente moi nova pero, como di o seu actual adestrador, son paisanas que se visten polos pés. Son un exemplo de carácter, abnegación e responsabilidade. Desdí moitos estereotipos que hai sobre a xuventude e son expoñente desa xuventude que é verdadeiramente esperanzadora”.