Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo conta cun novo vehículo para a Policía Local

Ribadeo, 20 de decembro de 2021. O Concello de Ribadeo conta cun novo vehículo para a Policía Local. Trátase dun híbrido adquirido pola modalidade de renting a catro anos, coa axuda dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta. Unha vez transcorrido ese tempo o Concello terá a opción de mercar ese coche.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, explicou que “é unha nova adquisición deste segundo vehículo para a Policía Local, dado que o outro todoterreo non deu máis de si xa hai uns meses. Agora aproveitamos, por unha banda unha subvención da Xunta de Galicia do Fondo de Compensación Ambiental. De aí que decidísemos adquirir este vehículo híbrido, con características híbridas, polo que a Xunta nos subvenciona unha parte do renting durante corenta e oito meses”.

E engadiu: “despois o Concello decidirá adquirilo finalmente e entre as dúas administracións imos resolver esta carencia de elementos móbiles para a nosa Policía Local, para que poida seguir facendo o seu traballo tanto na vila como nas parroquias”.

Na presentación deste novo coche estiveron esta mañá, entre outros, o xefe da Policía Local e algúns axentes, así como os concelleiros de Economía, Medio Rural e Medio Ambiente, o rexedor e representantes da empresa na que foi adquirido o vehículo.

Exit mobile version