Cervo, de novembro de 2021. O Concello de Cervo organiza para este nadal unha nova edición do programa “Cervo Concilia”, que dará comezo o xoves 22 de decembro.
Este programa, que vai dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, componse dun completo calendario de actividades educativas e lúdicas pensadas para entreter ás crianzas nestas datas de lecer, sen deixar de lado a aprendizaxe e incidindo especialmente no concepto da conciliación das familias.
Estenderase durante as vacacións de nadal, finalizando o venres 7 de xaneiro. O horario de entrada será entre as 09:00h e as 10:00H e o de saída oscilará entre as 14:00H e as 14:30h, permitindo unha maior flexibilidade a pais e nais.
As inscricións poñeranse disposición das familias na Casa da Cultura de San Ciprián e na Casa do Concello a partir de mañá, 2 de decembro. O prazo para anotarse remata o 17 de decembro e as prazas son limitadas.
Apunta a Delegada de Educación, Dolores García Caramés: “cremos que este programa supón un apoio moi grande ás familias, permitindo tanto a pais como nais conciliar a vida familiar e laboral. Ademais, dotamos ás crianzas dunha gran variedade de actividades multidisciplinares nas que poder entreterse e aprender”.
A concelleira apunta tamén “a situación sanitaria require dunha loxística especial, pero desde o Concello queremos facer este esforzo para que o programa se leve a cabo, sempre respectando estritamente todos os protocolos de seguridade exixidos polas autoridades”.