Ribadeo, 21 de decembro de 2021. O Concello cos Coles achega a historia de Ribadeo aos rapaces e rapazas coa representación nas rúas da vila do Ribadeo Ilustrado da man do grupo de teatro Os Quinquilláns.
Desde a Concellaría de Turismo subliñan que “o Ribadeo do XVIII (século da Ilustración) destacou por ser un dos portos máis importantes de todo o Cantábrico, así como pola transformación da vila debido á importancia do comercio que transformou as rúas coa construción de novas vivendas. Hoxe en día temos a sorte de conservar no casco vello algúns exemplos destas construcións que nos falan da historia da nosa vila”.
Na mañá de onte, luns, da man do grupo de teatro Os Quinquilláns e acompañados pola figura e a música dun gaiteiro, dous grupos de rapaces do CEIP Gregoiro Sanz e do Sagrado Corazón, puideron disfrutar dunha nova actividade do programa o Concello cos coles.
O primeiro pase para os máis pequenos de 1º de primaria comezou ás 11 da mañá nas escaleiras do Concello para logo ir percorrendo as rúas do casco vello e visitando os lugares máis emblemáticos como a Casa do Patín ou a Praza de Abaixo, para rematar na Atalaia. E o segundo pase foi para o curso de 4º da ESO e tivo lugar ás 12.30 horas, facendo un percorrido similar.
Desde a Concellaría de Turismo explican que “ambos grupos puideron aprender en clave de humor máis da historia da vila ribadense, así como dunha das súas personaxes máis emblemáticas, o Marqués de Sargadelos, cunha representación moi divertida, animada e feita con moito agarimo para eles”.