Ribadeo, 20 de decembro de 2021. O CIM pon en marcha un ano máis a campaña Co-educa xogando para concienciar sobre a necesidade de romper cos estereotipos sexistas asociados a determinados xoguetes, cores e actividades.
Desde o CIM sinalan: “queremos lembrar a importancia na elección dos xoguetes coa campaña Co-educando xogando, dirixida tanto ao público en xeral como ao ámbito educativo máis directamente, orientada a concienciar sobre a necesidade de romper cos estereotipos sexistas asociados a determinados xoguetes, cores e actividades”.
O CIM considera que “debemos ter unha guía á hora de adquirir xoguetes para os nosos nenos e nenas e por iso presentamos un decálogo útil para esta tarefa que resumimos así: o xoguete debe pode ser utilizado por nenas ou por nenos indistintamente, non hai xoguetes de nenas e nenos; romper cos estereotipos sexistas asociados a determinadas cores; tentar elixir xoguetes que reflictan a diversidade de cada persoa; regalar xoguetes que faciliten a cooperación e a comunicación; buscar xoguetes que axuden a desenvolver as diversas capacidades e habilidades dos nenos e nenas; buscar xoguetes que potencien a igualdade na participación, así como o desenvolvemento de sentimentos e afectos sen diferenciación; evitar xoguetes e xogos violentos fomentando o uso de xoguetes didácticos; buscar libros, videoxogos e xoguetes nos que se nomeen e sexan protagonistas tanto nenos como nenas; deixemos que as nenas e nenos elixan, sen verse condicionados por roles tradicionais; e o xoguete que agasallemos hoxe fomentará valores humanos e persoais que lles serviran para nun futuro compartir traballos e responsabilidades”.
Desde o CIM de Ribadeo “animamos ás familias para romper cos tópicos regalando ás súas fillas e fillos xoguetes e obxectos neutros, sen diferenzas en función do sexo -como bicicletas, libros, material deportivo, xogos de ciencia e outros xoguetes didácticos-. Debemos evitar o contido violento e sexista dalgúns videoxogos que presentan unha imaxe distorsionada de homes e mulleres. Na actualidade, atopamos no mercado algúns videoxogos, que si contribúen ao desenvolvemento de actitudes e comportamentos de cooperación e nos que non aparecen personaxes femininos como un obxecto sexual e personaxes masculinos caracterizados pola súa violencia e crueldade”.