Ribadeo, 1 de decembro 2021. O Grupo Municipal Popular lamenta que “o BNG di que non á cesión por parte do Concello á Xunta dos terreos necesarios para a construción do novo centro de saúde de Ribadeo”. O goberno local votou en contra no pleno deste martes da proposta dos populares que reivindican esa cesión dos terreos para facer posible o novo centro de saúde que “defendemos todos os veciños e tamén os médicos” e que inclúe o incremento da carteira de servizos e a incorporación do 061 no mesmo espazo, segundo o proxecto da Xunta.
O voceiro, Daniel Vega, explica que “o Grupo Municipal Popular vai seguir defendendo a sanidade pública e o centro de saúde necesario para Ribadeo”. Pola contra, considera que “o BNG só defende a sanidade pública como unha estratexia electoral, única e exclusivamente cando agarran unha pancarta. Cando teñen que demostralo traballando din que non”.
Os populares reivindicaron tamén outros asuntos e puxeron o acento, unha vez máis, no que consideran unha “falta de xestión por parte do goberno do BNG”. Un exemplo disto son as facturas e subvencións pendentes de pago que continúan a levar aos plenos. “Chamábannos mentirosos e agora aparecen facturas nos caixóns”. Concretamente, neste último pleno aprobáronse facturas do 2020. Isto supón “un desprezo absoluto ás empresas que fan algún tipo de traballo ou servizo para o Concello”, segundo considera Vega.
“Tamén hai un abandono por completo ás distintas entidades deportivas e culturais que o único recurso que teñen son as subvencións da Xunta e do Concello”. Neste último caso, o popular denuncia que “hai un atraso no pago desas subvencións”.
O portavoz popular advirte tamén do abandono aos veciños por parte do goberno local. “Retíranse 50.000 euros do presuposto para mellorar o saneamento da rúa Río do Amalló e agora non sabemos o que se vai facer porque a resposta do alcalde foi que non estaba entre as súas prioridades arranxar esta rúa. Gustaríanos que llelo explique aos veciños”. E engade: “nós sempre estaremos do seu lado”.
O Grupo Municipal Popular tamén reivindicou no pleno “unha solución urxente ao alumeado público: ten que funcionar en todo Ribadeo. Non pode ser que estean as rúas apagadas, unha situación que repercute negativamente na hostalería, no comercio e que prexudica aos veciños e á imaxe do pobo de Ribadeo. Os veciños non teñen porque pasear por rúas a escuras. Todos pagamos os nosos impostos”, subliña.
Sobre as estradas da vila e do rural, os populares demandan “unha planificación para o seu arranxo. Non pode ser que se arranxe hoxe un bache aquí e mañá outro aló”. Isto demostra “unha falta de planificación dun goberno que non traballa no día a día”.
Outro exemplo desta “falta de traballo” son os vertedoiros incontrolados, “unha realidade en moitas parroquias. E, aínda por riba, non hai contedores para a recollida selectiva e poder reciclar. No rural non hai contedores nin de vidro, nin de cartón, nin moito menos para recoller o aceite usado. O goberno local non está a aplicar unha política medioambiental seria como a que todos recordamos de tempos pasados. O goberno do BNG di que vai facer, pero nunca concreta medidas.
O Grupo Municipal Popular reivindica unha política medioambiental de limpeza que na vila é mala e no rural, un desastre”, segundo indica Vega. Sobre a limpeza dos edificios públicos que os populares levan tempo reclamando, o portavoz pon outro exemplo: a existencia de excrementos de gatos no Cine Teatro de Ribadeo debido á falta de limpeza”.
O non ao Grupo Municipal Popular
Vega explica que “con este pleno demóstrase que cada proposta que realizamos recibe un voto negativo. A cada xestión que queremos facer, un insulto a este Grupo Municipal”. Aínda así, sinala que “imos seguir traballando, defendendo a todos os veciños e xestionando orzamento para Ribadeo”. E, polo tanto, “tamén lle esiximos ao goberno do BNG, que vai constantemente a rebufo, que se poña a traballar dunha vez por todas”.