Viveiro, 21 de decembro, 2021. Desde o BNG de Viveiro realizouse un acto simbólico, aplicando malla de arame sobre a superficie do paseo fluvial do Landro que une Viveiro con Portochao. Deste xeito, a formación nacionalista quixo reivindicar unha obra necesaria e moi sinxela que redundaría na saúde traumatolóxica de toda a veciñanza. Así, comprobouse “a pé de obra” que a solución non semella demasiado complicada para os beneficios que reportaría.
As madeiras do chan nas zonas de máis humidade deste paseo convértense en verdadeiras pistas de patinaxe, sendo numerosas as veciñas e veciños que caeron e mesmo que tiveron que ser trasladadas ao hospital con lesións e roturas de diferente gravidade. Se isto o trasladamos ás persoas de idade avanzada, pon máis en valor a necesidade de actuar para prever estas caídas.
Santi Chao, responsábel de Organización do BNG de Viveiro, destaca o baixo importe que suporía mellorar a seguridade desta zona, pois que o custo desta malla é de menos de 1 €/m2, incidindo en que “non é un problema económico, o investimento é mínimo e permitiría a utilización deste fermoso e agradábel paseo durante todo o ano.”
A portavoz do BNG, Míriam Bermúdez, afirmou que é “unha problemática que xa se deu noutros moitos concellos con pasarelas deste tipo e que se resolveron con malla metálica, rematando co perigo de forma eficaz e permanente.” Tamén recordou que “xa vai máis dun ano desde que denunciamos esta situación, mais parece ser que María Loureiro e Suso Fernández están máis cómodas mirando cara outro lado.”
Non é a primeria vez que o BNG demandaba melloras no paseo do Landro, Seve Salgueiro membro do BNG de Viveiro, recorda que “xa en 2017 nos preocupábamos pola posta en valor desa zona reclamando un mellor mantemento e conservación do paseo e unha mellora da contorna medioambiental, propoñendo identificar as especies invasoras como eucaliptos e plumachos, tomando medidas para a sua eliminación progresiva e recuperando especies propias da ribeira. Seve Salgueiro asegura que “con planificación e traballo, pódese mellorar a contorna, especialmente tendo en conta que está incluída na Rede Natura 2000 polo que é posíbel acadar fondos económicos europeos e así poder desfrutar dun paseo envexábel para o desfrute da veciñanza e visitantes”.