A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada explicou que as familias viven en réxime de alugueiro en varios bloques de vivendas na praza do Asilo do barrio de Piñeiros, “agora propiedade da SAREB”. En Narón son quince as familias afectadas que xa recibiron a notificación do xulgado para desaloxar as vivendas, a pesar de pagar o arrendamento e coa sorpresa de que a propietaria dos pisos é a SAREB. As dilixencias dos desafiuzamento, explicou foron iniciadas no mes de maio de 2019 e finais dese mesmo ano tivo lugar un cambio na titularidade dos pisos a favor da SAREB sen que os veciños foran informados porque “as familias levan pagando regularmente , primeiro a sociedade administradora e despois ás sucesivas sociedades que as remprazaron: a partir de 2019, a Bellehomes Premium como subsidiaria da anterior, a partir do ano 2020 á compañía S240 Restauración e, máis recentemente, a través da inmobiliaria Pardo obrígase aos inquilinos a modificar o contrato xa que pasaría a ser Alkilahouse a nova administradora”.
Nas últimas semanas, a SAREB exixiu ás familias información sobre as nóminas, declaración da renda, empadroamento e libro de familia sen explicarlles cal é a verdadeira finalidade da información solicitada. Para a deputada, esta forma de proceder resulta “un abuso de poder”.
A deputada preguntou ao director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Humberto García Porto se consideraba que esta maneira de actuar, por parte da SAREB, non deixaba desprotexidos ás veciñas e veciños que mesmo xa envían correos a SAREB sen recibir ningunha resposta.
Neste sentido, considerou que o IGVS ten capacidade para “mediar e prestar asistencia xurídica” aos afectados ao igual que habilitan asesoramento nos casos de ocupación tamén poden defender a estas familias, afirmou.
A deputada reclamou iniciar un diálogo coa SAREB para solicitar “a subrogación dos contratos” e no caso de negarse, solicitar a “cesión dos inmobles ao Instituto Galego de Vivenda e Solo” para manter a vixencia dos contratos e logo trasladar as vivendas ao parque público de vivendas.
Por outra banda, tamén se referiu ás vivendas de Burela igualmente propiedade da SAREB, cualificadas como vivendas protexidas en réxime de alugueiro. Ao seu xuízo, neste caso, o IGVS “ten un papel máis directo ao ser o responsable de velar pola vivenda protexida” e preguntou se tivo lugar algún tipo de mediación xa que a previsión é desaloxar as vivendas o vindeiro 27 de xaneiro. Aos casos de Narón, e Burela, Alexandra Fernández sumou ás 19 familias afectadas en ARES co mesmo procedemento por parte da SAREB.
Tendo en conta que estes edificios son propiedade da SAREB e que a sociedade está conformada por capital público do Estado resulta “inaceptable” que se permita os desafiuzamentos. Dende o Bloque Nacionalista Galego, afirmou “estas prácticas antisociais non son admisibles en ningún caso”, e non entendemos como a Xunta “non presta asistencia xurídica ás familias afectadas”.
A SAREB, recalcou, repite o mesmo patrón, “o abuso sistemático a inquilinos e poñer ás familias nunha situación de indefensión”.
O IGVS non comparte a actuación da SAREB pero tampouco intercede
Pola súa parte, o Director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Humberto García amosou o seu desacordo coa actuación da SAREB, proceder, dixo que “a Xunta non comparte” e anunciou que están en proceso medidas para os casos de Narón solicitando aos veciños información sobre a súa situación de vulnerabilidade así como nos casos de Burela e Ares ao que a nacionalista replicou que as familias afectas “non recibiron ningunha comunicación por parte do IGVS” e descoñecen se contarán coa asistencia xurídica que precisan polo que volveu a reclamar este recurso. “É necesario que a administración preste este asesoramento xurídico”. Ademais, a nacionalista fixo fincapé en que non todas as familias afectadas están nunha situación vulnerable.
A SAREB, recalcou, está conformado por capital público do estado e “non é unha cuestión de voluntarismo que chegue a acordos para ceder parte do seu patrimonio inmobiliario” polo que deben ser vostedes, dixo, os que deben reclamar esta cesión para que non continúen “deixando ás persoas sen vivenda e incumprindo os contratos”.
En Febreiro ábrese unha oportunidade para que a SAREB ceda 10.000 vivendas, a curto prazo e 15.000 a medio prazo, como anunciou o Ministerio e a Xunta debe solicitar a parte que lle corresponde de vivendas e incluír as vivendas de Burela, Narón e Ares nesa bolsa, concluíu.