Santiago de Compostela, 2 de decembro. A través dunha pregunta ao goberno, sobre as medidas adoptadas pola Xunta para garantir a interrupción voluntaria do embarazo na rede sanitaria pública galega, a portavoz de sanidade hospitalaria, Iría Carreira afirmou que a maior parte dos abortos do ano 2020, “2490 foron realizados en centros extrahospitalarios e 1.668 na sanidade privada” e dicir, “7 de cada 10 abortos foron practicados na privada”. A deputada do BNG reclamou á Xunta cumprir o acordo unánime do Parlamento galego do 26 de outubro do 2021 para garantir a interrupción do embarazo na Sanidade pública galega.
A nacionalista explicou que a situación agrávese na provincia de Lugo onde as metade das mulleres que interromperon o seu embarazo nos últimos tres anos tiveron que facelo fóra da área sanitaria e segundo os datos proporcionados polo Sergas, “ das 386 as mulleres que solicitaron abortar nalgún centro da área sanitaria luguesa, 180 foron derivadas a un centro privado concertado na Coruña se a muller reside na Mariña ou Lugo e senón, á Coruña ou Vigo, se vive na zona sur”.
“No hospital da Mariña non se practican abortos de ningún tipo de interrupción do embarazo porque todo o servizo de Xinecoloxía é obxector de conciencia” e no hospital de Monforte non se realizan abortos por debaixo das 14 semanas, na que só media a autonomía da muller, todos os demais, son derivados, aínda que si se realizan abortos entre as semanas 14 e 22 por motivos terapéuticos.
No caso do Hula, sucede algo similar, explicou Carreira, até a semana 14, realízanse abortos farmacolóxicos, mais non legrados, legrados que si que se realizan no caso de abortos entre as semanas 14 e 22, e todos os que non son realizados nestes hospitais son derivados fóra da provincia, á Coruña ou a Vigo, en función do lugar de residencia de cada muller porque non hai ningunha clínica privada na provincia que realice abortos.
Na súa intervención a nacionalista lembrou que a Lei de prazos, aprobada no ano 2010, superaba á lei de supostos e nacía cun dobre obxectivo: despenalizar o aborto e garantilo como dereito das mulleres sen máis límite á súa invocación que a libre e informada vontade delas até a semana 14 de xestación e garantir o exercicio do dereito ao aborto de maneira gratuíta, en condicións de igualdade e coa máxima calidade asistencial, a través da rede sanitaria pública para o conxunto das mulleres.
A xuízo da deputada, as clínicas privadas cada vez realizan máis abortos amparadas, “presuntamente” pola obxección de conciencia das e dos profesionais por un conflito ético e/ou moral. É dicir, “un conflito cos seus sentimentos e crenzas, fundamentalmente relixiosas”.
En todo caso, dixo, “a obxección de conciencia” non pode supor un impedimento para o exercicio do dereito ao aborto na rede sanitaria pública. Todo o contrario, “a obriga das administracións e dos gobernos é velar porque sexa nos centros públicos onde se realicen as interrupcións voluntarias do embarazo, con todas as garantías, sendo excepcional a derivación á privada-concertada”. Hai unha “irregularidade absoluta e flagrante” na tramitación das obxeccións e iso é responsabilidade da Xunta, aseverou.
Por outra parte, subliñou que obxección de conciencia no é o único factor, a Xunta é responsable da falta de recursos humanos e materiais nos Centros de Orientación Familiar e nos hospitais que obriga á sanidade pública a asumir só os abortos dentro das 8 primeiras semanas de xestación, no caso de seren farmacolóxicos mais se as mulleres deciden optar por un aborto por aspiración, sedación ou asistencia médica, son inmediatamente derivadas a unha clínica privada porque non se practican na maioría dos centros públicos.
Carreira criticou que esta situación “non muda” porque “non hai vontade política” e os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres continúan a ser “ninguneados” ademais de reportar un “grade beneficio económico” para as clínicas privadas.
Tras a resposta do xerente do SERGAS, José Flores, que se comprometeu a mellorar a asistencia ás mulleres neste ámbito, a nacionalista replicou que “van 11 anos da aprobación da lei que garante o dereito de interrupción do embarazo na sanidade pública galega” e ese dereito no pode depender de si unha muller nace en Ribadeo, Verín ou no centro de Santiago. Todas as mulleres deben ter ese dereito garantido á marxe do seu hospital de referencia polo que “apelou novamente ao cumprimento do acordo parlamentario unánime do 26 de outubro do 2021 para garantir este dereito das mulleres na sanidade pública galega”.