Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro exixe un mantemento programado e estruturado para as fontes de auga, sen caudal moitas delas

Viveiro, 9 de decembro, 2021. No concello contamos con numerosos lavadoiros e fontes de auga que na actualidade están, a ampla maioría delas, nun claro e visíbel estado de abandono; ben pola escaseza no chorro de auga, ben pola maleza que as oculta, ben pola total falta de acondicionamento e limpeza. A deixadez é tal, que incluso moitas das fontes que foron pechadas na corentena hai case dous anos para supostamente evitar contaxios, está aínda a día de hoxe sen reabrir o seu fluxo de auga e algunhas coas cintas de precinto colgando.

No BNG consideramos que estas fontes e lavadoiros son patrimonio que merecen de conservación, recuperación e un mantemento axeitado. Polo que instamos ao goberno do PSOE, con María Loureiro e Suso Fernández ao fronte, a iniciar un plan integral de posta en valor e conservación das fontes e lavadoiros municipais.

Un Plan que inclúa labores de limpeza, conservación e reparación destes elementos patrimoniais, comezando por actualizar debidamente o rexistro de fontes municipais, desactualizado e polo tanto abandonado tamén xunto coas propias fontes.

Exit mobile version