A nova Responsábel Local será Iria Cotelo Cociña, xunto a Ramón Martínez Castro como Vicerresponsábel e membro do Consello Comarcal. Iván Pena Muras, que continuará como responsábel na Área de Comunicación e Santi López Chao na Área de Organización completan a nova executiva, que se complementa co resto de persoas que integran a Asemblea Local que en equipo desenvolven un traballo rigoroso, combinando a frescura de novas caras coa experiencia das máis veteranas.
O obxectivo da nova dirección é continuar en contacto coa cidadanía para trasladarlle que hai outra forma de facer política pegada ás persoas, que a alternativa do BNG é sólida, e que Viveiro ten todo o potencial para convertirse nun modelo de concello habitábel, saudábel, seguro, inclusivo e verde, onde a veciñanza será o eixo central, seguindo o exemplo de concellos BNG como Ribadeo e Barreiros.
Iria Cotelo agradeceu a todxs xs compañeirxs o apoio e a confianza: “Resulta gratificante asumir esta nova etapa en conxunto cunha equipa capacitada, comprometida, motivada e con ganas” , e afronta este reto de cara ás próximas municipais convencida de que o BNG é a única opción sólida, “cada vez son máis as persoas que achegan as súas inquedanzas á organización e que avalan o noso traballo, o cal nos da aínda máis forza para seguir sumando en contacto coa veciñanza para demostrar que temos un proxecto, que é viábel, que existe outra forma de facer política, e que existe alternativa para Viveiro”.
Pola súa parte Míriam Bermúdez, continuará a representar á organización como portavoz municipal, “cun traballo na corporación impecábel e diferenciada do resto, defendendo firmemente e desde o primeiro momento os intereses xerais da veciñanza de Viveiro”, destacou a asemblea do BNG de Viveiro, quen defenderon o traballo realizado desde a oposición “con propostas en positivo, con alternativas e con proxección de futuro”.
Míriam Bermúdez agradeceu a implicación da asemblea co reparto de cargos e traballos o cal favorecerá a que o BNG continúe en alza e crecemento continuo na localidade, sendo isto “a mostra de que contamos cun proxecto sólido e apegado á realidade social, tal e como o facemos ver coas numerosas iniciativas presentadas e defendidas até o momento”.