Foz, 29 de decembro de 2021. O presidente da Mancomunidade da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto, quere expresar o seu firme apoio ás traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao: “son momentos ben complicados, pero unha solución votada polos traballadores vai ser sempre a mellor. Creo firmemente que a opción elixida é a mellor no escenario actual: hai que facer un seguimento exhaustivo para que a firma cumpra o pactado e a fábrica continúe a producir aluminio nas vindeiras décadas. A multinacional deixou mostras evidentes de que non tiña intención ningunha de vender a factoría e as administracións autonómica e central deben velar porque Alcoa cumpra os novos compromisos e se non é así que se ateña ás consecuencias”.
Fran Cajoto valora positivamente a vontade dos traballadores expresada co seu voto: “houbo un apoio maioritario ao si cun 70 por cento dos votos dos traballadores de Alcoa, e un 63% de votos favorables contabilizando tamén ás empresas contratistas. Hai un hastío xeneralizado cunha situación que se prolonga no tempo, as familias non poden vivir nunha incerteza permanente”.
O presidente da Mancomunidade continúa manifestando que “os momentos de crise son tamén de inflexión. Estamos a sufrir unha grave crise industrial e os pasos que se están tomando verán os froitos no futuro máis inmediato. O aposta pola industria na comarca pasa porque o gran motor da Mariña -Alcoa- continúe a producir, cun prezo de enerxía estable froito dos acordos con produtores de renovables: era posible tal e como se trasladaba no verán do ano 2020 e fíxose realidade, aínda que de forma maliciosa sobre a bucina. E debemos seguir presionando a Vestas para que venda a súa planta a un terceiro que si queira seguir a fabricar aeroxeradores en Viveiro, unha actividade rendible. E debemos esixir que a planta de fibra téxtil de Altri se instale na comarca da Mariña; e para iso fai falla compromiso político”.