Mondoñedo, 1 de decembro, 2021. Adrián Agustín Vázquez Rodríguez (Vilarmaior, 2001) foi o gañador do XXII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo. O traballo presentado polo gañador, que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten por título Nome da ausencia.
O xurado destacou nos seus versos a dicción equilibrada dos mesmos, así como a capacidade suxestiva das súas imaxes e o poder evocativo do universo lírico convocado.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra Anil límite, da que é autor Adrián Maceda Fernández (O Saviñao, 1997).
Neste caso, o xurado quixo pór de relevo a musicalidade desta escrita, inzada de referencias metapoéticas e posuidora dun excepcional dominio dos recursos retóricos e un fondo coñecemento das posibilidades expresivas de diferentes fórmulas versais.
Blanca Trigo Cabaleiro (Vigo, 1997) acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra Poética dos galgos e a doenza.
Respecto de Poética dos galgos e doenza o xurado estimou a habelencia no manexo dos símbolos e imaxes así como a acaída coloratura e tonalidade duns versos de interrogante melancolía.
A entrega do Premio terá lugar o vindeiro xoves, día 30 de decembro segundo o seguinte programa:
Ás 12.15 horas; Recepción oficial no Concello.
Ás 12.30 horas; Entrega de Premios do XXII Certame de Poesía Díaz Jácome no Salón de Plenos do Concello.
Manteranse as normas aprobadas polas autoridades en canto ao aforo e medidas sanitarias en relación coa situación actual de pandemia provocada pola COVID-19.