Site icon Crónica3.com A Mariña

Na súa tradicional felicitación de fin de ano, Fernando Suárez agarda que no 2022 a sociedade se poida liberar do Covid19 e así organizar e gozar de eventos como o Ribadeo Indiano

Ribadeo, 31 de decembro de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que o orzamento do vindeiro ano contempla moitas actuacións tanto para a mocidade como para a xente maior. E agarda que no 2022 a sociedade se poida liberar do Covid19 e así organizar e gozar de eventos como as festas da patroa e o Ribadeo Indiano.

Na súa tradicional felicitación de fin de ano o rexedor ribadense sinala: “benqueridos amigos, amigas, veciños e veciñas deste Concello en particular e ao resto que non sendo de Ribadeo, sempre nos tedes nun lugar destacado no voso corazón. Chegamos hoxe ao final deste convulso e histórico ano 2021. Empezámolo coa ilusión de que a ciencia e as vacinas nos poñerían remedio a esta desgraza que significou o Covid, e rematámolo como se estivésemos nunha montaña rusa da que non damos saído”.

Suárez Barcia amósase esperanzado: “pero estou seguro que imos saír adiante mais cedo que tarde. Sexa coas vacinacións para os segmentos máis novos de poboación, ou para o reforzo do resto dos que xa as temos e desde logo no ano que entra necesitamos liberarnos desta pandemia, porque temos moito que facer como sociedade”.

E engade: “e como goberno municipal tamén. Acabamos de aprobar o orzamento do Concello para o ano que vén que contempla moitas, moitas, actuacións, tanto na vila como nas parroquias. Tanto para mocidade, como para a xente maior. Tanto en infraestruturas públicas como en política social, cultural ou medioambiental. E confiamos tamén nas outras administracións para que se lembren de nós neste novo ano 2022: a Deputación que sempre o fai, a Xunta que a ver se o fai verdadeiramente e o Estado porque temos grandes proxectos de comarca que requiren tamén do seu compromiso. Confíamos en que así sexa”.

O alcalde subliña que “Ribadeo é un exemplo para ben en moitas cousas e temos a determinación de que o siga a ser no vindeiro ano. Aínda que agora aínda haxa nubes e ameace treboada, sabemos que vai escampar e sabemos queremos volver vernos, volver consumir na hostalaría, volver celebrar as festas da patroa, volver celebrar o Ribadeo Indiano. En fin, unha manchea de cousas que Ribadeo quere ofrecer ao mundo neste ano 2022. Así que desexámosvos, eu como alcalde, como goberno municipal e como Corporación en xeral, que teñades un bo remate de ano e sobre todo un feliz e próspero 2022. Un bico e unha aperta para todas e todos. Saúde e terra”.

Podes ver aquí o vídeo

https://www.facebook.com/1353549409/posts/10221961511050895/?d=n

Exit mobile version