O delegado explicou que o apoio do Goberno a este proxecto enmárcase na súa aposta pola dinamización económica da provincia de Lugo, especialmente na comarca da Mariña, e o compromiso coa promoción turística de Galicia. Así, salientou que a inclusión do proxecto presentado pola Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense no Plan de Sostibilidade Turística suporá unha inxección económica por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo de 1.000.000 euros para un proxecto que mobilizará un orzamento total de 2.225.000 euros tal como estipula o convenio.
Miñones, que avanzou este compromiso nas visitas que efectuou nas últimas semanas a varios dos concellos que se beneficiarán do plan, remarcou que este é un exemplo de colaboración institucional pois o Goberno respalda economicamente unha iniciativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña, que conseguiu tamén o apoio da Xunta, para que se poida desenvolver un proxecto que supón unha importante oportunidade para esta comarca lucense.
Co Plan de Sostibilidade Turística na Mariña lucense trátase de poñer en valor os numerosos atractivos que ofrece a comarca, co desenvolvemento de diversas iniciativas en torno ao Camiño do Mar, a Ruta Pardo de Cela, o turismo slow, o agroturismo e o turismo gastronómico, entre outros. Tal como destaca o convenio asinado pola Secretaría de Estado de Turismo coa Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense e a Axencia de Turismo de Galicia o proxecto ten o obxectivo de impulsar un desenvolvemento turístico sostible na comarca, poñendo en valor o seu patrimonio cultural e natural protexido para frear a perda demográfica nas áreas rurais.