Lourenzá, 7 de decembro de 2021. A Praza do Conde Santo acolle unha Vila de Nadal elaborada artesanalmente e no barrio de Gracia hai unha estampa do Polo Norte para ambientar Lourenzá nestas datas.
A alcaldesa, Rocío López, explicou que “é todo feito de xeito artesanal, empregando madeiras e outros materias naturais. Detrás está un mes intenso de traballo por parte dos empregados do Concello, d@s concelleir@s e tamén doutra xente que nos veu axudar. Fai uns anos que botamos a andar este proxecto de Vila de Nadal e cada vez imos inventando algo novo e dándolle forma. Nesta ocasión decidimos incorporar unha paisaxe nova, na que se poden ver unhas montañas, un río, un pescador e ata unhas mulleres na vida cotiá. Outras das novidades son a imaxe dun peregrino a entrada da praza do Conde Santo, que non podía faltar xa que por Lourenzá pasa o Camiño Norte e somos final de etapa, e tamén dous soldadiños que presiden a entrada da Casa do Concello”.
A rexedora municipal destacou que “foron días de moito traballo pero é unha satisfacción ver así a praza do Conde Santo, repleta de figuriñas. Ademais o sábado a última hora da tarde, coincidindo coa noitiña, tivo lugar o acendido do alumeado de Nadal”.
Rocío López tamén comentou que no barrio de Gracia “a decoración fixérona os veciños en colaboración co Concello, polo que agradecemos aos que levaron a cabo esa labor, especialmente @s nen@s dese barrio, esa estampa tan bonita do polo norte que fixeron”.
A alcaldesa dá as grazas “a todas as persoas que axudaron para facer posible todo isto porque é un traballo de tod@s” e remata animando “a toda a xente a achegarse a Lourenzá para disfrutar desta marabilla, que estou segura que lles vai a gustar moito e sobre todo que lles vai a sorprender o que se van atopar aquí. Digamos que é un belén diferente, feito de pequeniñas cousas pero que seguro nos fan moi felices”.