O pasado sábado, un xurado composto por Ánxela Gracián (escritora), Carme Ferreira Boo (investigadora literaria), Héctor Cajaraville (escritor), Armando Requeixo (investigador e crítico literario) e Antonio Piñeiro (editor, escritor e gañador da anterior edición), escolleu A montaña do poeta como texto gañador entre as obras presentadas.
Segundo palabras do autor, a idea do argumento xorde dun feito real pouco coñecido: O vínculo existente entre unha vivenda de Alfoz, hoxe deshabitada, e o poeta Antonio Noriega Varela. A partir de aí desenvólvese unha ficción que ten lugar na actualidade.
Noriega Varela foi coñecido como O Poeta da Montaña, e tal denominación dálle pé ao autor para xogar co alcume, dándolle a volta e converténdoo no título da súa obra.
Na montaña do poeta trátase, entre outras temáticas, a política penitenciaria empregada de forma vingativa polo poder.
O premio Lueiro Rey chega no presente ano á edición número 28, polo que se trata dunha cita consolidada no panorama literario galego. A súa dotación consta de 3000 euros na parte económica e mais na publicación do texto gañador pola editorial Xerais.
Lionel Rexes divulga os seus artigos desde hai sete anos no blog Vasoiras de xibarda, un espazo que define como “Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas”. A súa anterior novela, A raíña das velutinas, fora publicada en 2017 e gozara dunha segunda edición ao ano seguinte.