Site icon Crónica3.com A Mariña

Inaugurada en Cervo a mostra “A memoria do son”, con réplicas de instrumentos medievais do Centrad

Lugo, 3 de decembro. Esta mañá inaugurouse en Cervo a mostra “A memoria do son”, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O deputado provincial, Efrén Castro, presentou a mostra que pode verse nas Escolas Vellas de Cervo ata o 3 de xaneiro.

A exposición, cun formato itinerante pensado para achegar as distintas localidades o patrimonio musical da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centrad, inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez ou dos datos recollidos en documentos literarios e históricos.

Os fondos instrumentais complétanse con melodías, accesibles a través de códigos QR, que ofrecen a oportunidade de escoitar o son de cada un dos instrumentos expostos, valorar as pegadas herdadas e conservadas na música tradicional actual e as posibilidades que ofrecen para a interpretación de novas músicas.

A mostra tamén inclúe propostas interactivas, como un salterio no que as persoas visitantes poderán interpretar melodías de cantigas de Afondo X e Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado- que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica.

O deputado Efrén Castro, acompañado na presentación por Luciano Pérez, director da Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros do Centrad, agradeceu “a acollida da mostra nas Escolas Vellas de Cervo, o primeiro destino na Mariña desta exposición coa que pretendemos achegar o patrimonio musical do Centrad a todas as comarcas” e animou á veciñanza “a desfrutar de todos os recursos que ofrece, especialmente para o público máis novo”

A exposición conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel pero tamen dispoñible para descargar, en formato pdf, na páxina web do Centro de Artesanía e Deseño (http://cultura.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/catalogo_a_memoria_do_son.pdf)

Exit mobile version