Esta acción, que se desenvolverá no marco dunha investigación xa en marcha no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Ribadeo sobre a adaptación da navalla e da ameixa babosa no seu paso do criadeiro ao medio natural, conta cun orzamento de preto de 40.000 euros a distribuír nas anualidades 2022 e 2023 coa finalidade de compensar os custos nos que incorre a USC para o desenvolvemento dos labores que inclúe esta colaboración.
Este traballo susténtase na coordinación histórica entre ambas partes e no saber facer do CIMA de Ribadeo no ámbito dos cultivos mariños así como na investigación sobre patoloxías en acuicultura no caso da Universidade de Santiago. O obxecto principal do convenio é identificar os protozoos ciliados que infectan as larvas causando mortalidade dos moluscos bivalvos en criadeiro e establecer medidas de prevención e control -como a posible desinfección da auga- para favorecer unha mellora da produción.
O convenio de colaboración estará vixente desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2023 e poderá ampliarse de mutuo acordo. Co obxectivo de asegurar o debido cumprimento do acordo crearase unha comisión de seguimento formada por dous membros da Consellería do Mar e outros dous da USC.
Outras investigacións
Esta acción de investigación concorda con outros traballos entre a Consellería do Mar e a USC como as colaboracións seladas tanto este ano como en 2019 para estudar melloras na produción de semente en criadeiros e o desenvolvemento larvario dos bivalvos para favorecer o abastecemento do sector e así incrementar a produción marisqueira e os ingresos dos profesionais do sector.