Bruxelas, 14 de decembro de 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou hoxe que o resultado acadado no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea no que se fixaron os totais admisibles e capturas (TAC) e cotas para 2022 en augas do Atlántico e do mar do Norte é escaso e moi limitado pois na maioría dos casos unicamente se lograron suavizar algunhas propostas de recortes ou a estabilidade nas cotas doutros recursos complementarios ou accesorios.
Por iso, a titular de Mar, que estivo seguindo co sector desde Bruxelas o avance dos debates malia non formar parte da delegación negociadora española -composta polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Goberno andaluz en representación das comunidades autónomas españolas-, desaprobou que España votase a favor do acordo xeral e só rexeitase as medidas propostas para augas do Mediterráneo.
Rosa Quintana lamentou que, tras tantas horas de negociación -foi o Consello de Ministros de Pesca máis longo dos últimos anos-, non se acadasen melloras de maior calado e que a Comisión Europea non fose sensible á situación actual de alerta sanitaria, na que o sector pesqueiro foi declarado esencial e traballou arreo para abastecer de alimentos de calidade á cidadanía malia que nalgunhas ocasións non lles era rendible.
A representante do Executivo galego salientou que no Cantábrico Noroeste se produciron certos avances tras facer valer os informes socioeconómicos elaborados por Galicia, pero incidiu en que as melloras acadadas son insuficientes. Neste sentido, a nova máis positiva foi a reversión da proposta de baixada do 16% no xurelo en augas que van de Fisterra cara ao golfo de Cádiz por un incremento do 12%.
No caso da pescada -a especie máis importante para a frota galega- os estudos socioeconómicos aportados por Galicia tamén permitiron suavizar a proposta de recorte das posibilidades de pesca en augas ibéricas desde o 18% ata o 8%, un descenso que se engade aos fixados nos dous anos anteriores. Mentres, mantense a cota de abadexo tanto na costa de Francia como no Cantábrico Noroeste e suavízase a redución inicial do linguado, que era do 15%, ata o 5%. Non obstante, neste recurso a separación da xestión por especie pode dificultar a actividade pesqueira.
No caso da cigala do Cantábrico, entre Asturias e Cantabria, o acordo aprobado polo Consello de Ministros de Pesca da UE supón reabrir a pesqueira cun TAC de 14 toneladas, por debaixo das 20 toneladas que recomendaban os científicos. Mentres, no stock desta especie de Fisterra cara ao sur, palíase en boa medida a rebaixa proposta ao pasar do -16% ao -5%. No relativo á cigala na costa galega e de Portugal -que permanece pechada- a Comisión Europea comprometeuse a revisar o TAC en función dos resultados que ofrezan os estudos e análises que se realicen en 2022.
A conselleira do Mar subliñou tamén outros compromisos realizados polo Executivo comunitario como que revisará a asignación do bonito do norte entre os estados membros co obxectivo de corrixir os excesos cometidos por frotas doutros países nos últimos anos que impediron á española esgotar as posibilidades de captura que tiña asignadas.
Bruxelas estudará ademais unha das demandas realizadas por Galicia desde hai anos como é a de aumentar a flexibilidade nos intercambios de xurelo entre as dúas zonas de augas ibéricas -de Fisterra cara ao golfo de Biscaia e de Fisterra cara ao golfo de Cádiz- para facilitar o labor da frota.
Augas compartidas co Reino Unido
O Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea tamén serviu para coñecer que nos caladoiros de augas compartidas co Reino Unido se fixan para o primeiro trimestre de 2022 as cotas proporcionais correspondentes ao TAC deste ano, polo que se daría unha estabilidade na actividade do sector á espera de que se acede un acordo entre a Comisión Europea e o Goberno británico.
A titular de Mar lamentou que o acordo acadado volve demostrar que o Executivo comunitario dá prioridade aos aspectos medioambientais por enriba dos económicos e sociais e puxo como exemplo o caso na cigala entre Asturias e o País Vasco, onde Bruxelas defendeu unha cota de 14 toneladas, inferior incluso ás 20 toneladas propostas polo Consello Internacional para a Exploración do Mar.
Ante esta situación, Galicia seguirá a traballar da man do sector co obxectivo de que poida manter a súa actividade e demostrar ás autoridades europeas que a pesca ten futuro e que a frota galega a practica de xeito responsable e respectuosa cos recursos, o que permitiu que a maioría dos caladoiros nos que faena se atopen no rendemento máximo sustentable (RMS), o nivel óptimo de capturas que se pode extraer dunha poboación sen afectar ao recurso.