Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz recupera o servizo de policía local en horario de tardes a partir deste venres

Foz, 21 de decembro de 2021. O Concello de Foz recupera o servizo de Policía Local en horario de tardes a partir deste venres. Anunciouno hoxe, martes, o alcalde, Fran Cajoto, quen destaca que isto “é esencial para o Concello, que contará cun mínimo de 2 axentes por quenda”.

O rexedor municipal explica que “o servizo de Policía Local en horario de tardes farase de forma continua salvo causas excepcionais. Isto é posible grazas á incorporación definitiva de dous axentes, Sara e David, que xa nos acompañaron este verán e que remataron o seu período de prácticas. É fundamental para un concello como o noso contar con este servizo, xa que son innumerables as actuacións e casuísticas nas que intervén a Policía Local. A partir deste venres, día 24 de decembro, Foz contará con servizo de Policía en horario de mañás e tardes”.

Fran Cajoto engade que “respecto á relación de postos de traballo queda unicamente unha praza de Policía Local por cubrir, incluída na oferta de emprego público deste ano 2021 e que se incorporará á vindeira convocatoria da Axencia Galega de Seguridade Pública para selección de axentes, conforme ao convenio que asinou o Concello durante este mandato”.

O alcalde de Foz pide a colaboración cidadá: “co aumento de horas de presenza policial poderemos perseguir de forma máis efectiva as condutas incívicas. Un concello como Foz non se pode permitir deposicións de cans nas rúas, vertedoiros nos montes, lixo fóra dos contedores ou vehículos mal estacionados. Dispoñemos dun pobo ben fermoso que debemos coidar entre todas e todos. Hai habilitados aparcadoiros preto do centro e os carga e descarga deben reservarse para os servizos de transporte. Estou convencido de que a gran maioría é respectuosa e non podemos permitir que pola mala actuación duns poucos suframos todos as consecuencias”.

Exit mobile version