Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Eólicos así non’ convoca unha concentración en Foz este sábado

A Mariña, 9 de decembro, 2021. A plataforma EÓLICOS NA MARIÑA, ASÍ NON, decidiu unirse á xornada de protesta convocada pola rede galega  “EÓLICOS ASI NON”  que se vai celebrar en toda Galiza o sábado día 11 de decembro coincidindo có DIA DAS MONTAÑAS.

Na comarca da Mariña celebraremos unha concentración en FOZ, o sábado 11 de decembro, DIANTE DO CONCELLO, ás 12:00 do mediodía.

Con esta xornada reivindicativa queremos expresar unha vez máis o noso rexeitamento a este modelo enerxético baseado en macro parques eólicos, xestionados por grandes empresas do sector, cuxos beneficios empresariais prevalecen sobre os intereses dos cidadáns, mentres que o medio rural sofre un dano moi significativo, así como os seus moradores que se ven na obriga de perpetuar o éxodo que xa padecen.

A todo isto hai que sumar o deterioro medioambiental e a perda de patrimonio cultural.

Queremos unha transición sustentable, racional e pública, que protexa os valores do territorio, a saúde das persoas e a posta en marcha de políticas que garantan o retorno social e económico destes proxectos.

Por estes motivos convocamos a toda a xente con sensibilidade social e ambiental a participar nesta concentración a prol dunha produción xusta e na defensa da conservación da paisaxe e do patrimonio humano e natural.

A Agrupación Cultural Francisco Lanza de Ribadeo apoia tamén a concentración de protesta contra a instalación de muíños de vento no concello, convocada para este sábado, na Praza do Concello en Foz, ás 12h. Esta convocatoria non é exclusiva de Ribadeo nin da comarca da Mariña, e é apoiada por máis de 170 colectivos de toda Galiza, lembran.

Esta asociación non está en contra da enerxía eólica, mais cre que a instalación de muíños de vento e as torres e liñas de evacuación poden crear grandes prexuízos para a nosa paisaxe e para as persoas e os animais que residen nesas zonas, ademais dos prexuízos económicos. As propostas de instalación de complexos eólicos no concello de Ribadeo son para lugares que están moi cerca de núcleos de poboación e, ademais, son moi visíbeis desde calquera punto da costa.

Por outro lado, non hai un plan eólico diseñado polos gobernos; son as propias empresas as que os están deseñando en función dos seus intereses, polo que non se ten en conta o ben común. Asimismo, os benefícios non van repercutir na sociedade, senón nas propias empresas que os promoven e que, ademais, non crean riqueza aquí, pois son todas foráneas.

Por estas razóns, animan á poboación a informarse sobre este asunto e a acudir á citada concentración en Foz.

Exit mobile version