Cervo, 29 de decembro de 2021. O Concello de Cervo, da man do rexedor Alfonso Villares e da edil de Educación, Dolores García Caramés, entregou no día de hoxe as axudas dirixidas ás ANPAS dos centros escolares do municipio -CEIP de Cervo, CEIP Península da Paz e IES Marqués de Sargadelos-.
Tal e como sinalou o alcalde, Alfonso Villares, “o fin desta liña de axudas é o de contribuír a fomentar as actividades educativas e lúdico-culturais que promoven as asociacións de pais e nais ao longo de todo o ano e que van dirixidas a dinamizar a escolarización, ademais de brindarlles unha axuda económica para que poidan facer fronte aos seus gastos de funcionamento”.
Villares apuntou que “estas axudas forman parte dunha partida orzamentaria de 7.500 euros que dende o Concello diriximos á comunidade educativa tanto para a compra de libros e material escolar como para transporte”.