Lugo, 30 de decembro de 2021. Continuando coa política de máxima transparencia que vén desenvolvendo dende o inicio da pandemia, a Deputación de Lugo informa da detección este xoves dun caso positivo por COVID-19 dunha persoa usuaria do Centro de Atención a Maiores de Trabada nun dos cribados periódicos con test de antíxenos que a institución provincial realiza cada 48 horas a todos os residentes dos sete centros de maiores que ten en funcionamento na provincia.
A totalidade do resto de usuarios e traballadores da residencia de Trabada deu negativo nas probas, que se repetiron na xornada de hoxe. Tendo en conta isto e que a persoa contaxiada deu positivo tras a saída do centro que fixo polo Nadal, todo apunta a que a orixe do contaxio está fora da residencia. A usuaria, que xa seguía as medidas preventivas establecidas pola Deputación para as saídas de Nadal, non presenta síntomas e atópase illada dende o momento no que deu positivo.
A realización de cribados periódicos cada 48 horas está recollida nos rigorosos protocolos que aplica a Deputación dende o inicio da pandemia, sempre por riba das obrigas establecidas polas autoridades sanitarias, co fin de garantir a máxima rapidez na detección e a contención da COVID-19 nas residencias.
Por outra banda, a Deputación informa de que o HULA comunicou ao Centro de Atención a Maiores de Pol que unha persoa usuaria que foi trasladada ao centro hospitalario por unha patoloxía crónica non vinculada co coronavirus deu positivo en Covid-19 unha vez ingresada no hospital. Esta persoa está na planta Covid do HULA e non presenta síntomas. Para previr calquera risco, a Deputación decidiu realizar entre onte e hoxe dous cribados con test de antíxenos aos usuarios e usuarias e ao persoal da residencia de Pol, resultando ser todos negativos. Aínda así, para extremar as precaucións, realizarase mañá venres un cribado con probas PCR entre toda a comunidade do centro.
A Deputación de Lugo continúa coa súa política de máxima transparencia e de resposta inmediata con cribados ante calquera caso positivo ou sospeitoso de selo para protexer a saúde dos traballadores e traballadoras da institución, así como dos usuarios e usuarias dos servizos públicos que ofrece, e de todas as persoas que acceden ás dependencias provinciais, garantindo, ao mesmo tempo, a continuidade e a normalidade na prestación dos servizos.